Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Rural da Vicepresidencia da Deputación promove cursos de apicultura para profesionais e persoas que se inician na actividade

apicultura
DANIEL GARCÍA
Vilalba acollerá esta fin de semana o primeiro curso deste programa formativo, que chegará tamén aos concellos de Valadouro, Xove, Pantón, Muras, Mondoñedo e Cervo

A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolverá un programa de formación en apicultura, destinado a ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese pola apicultura entre as persoas máis novas, promovendo a súa iniciación na actividade.

O deputado Daniel García presentou a iniciativa que inclúe cursos nos concellos de Vilalba, O Valadouro, Xove, Pantón, Muras, Mondoñedo e Cervo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro e que conta coa colaboración da Casa do Mel de Goente, que se encargará de impartir a formación.

Daniel García explicou que “se trata dun programa que ofrece formación en diferentes aspectos de interese para apicultoras e apicultores, desde a mellora do rendemento das producións melíferas ata fórmulas de manexo para protexer as abellas autóctonas da velutina” e destacou “que se trata dunha proposta que xurde da colaboración e o diálogo coas entidades representativas do sector, que complementa outras actuacións que desenvolvemos nos últimos meses da man da Asociación Galega de Apicultura e que amplía a aposta da área de Rural pola formación e o asesoramento no sector primario”.

O programa inclúe tres tipos de cursos: de iniciación á apicultura (4 días) no que se abordarán cuestións básica sobre a bioloxía do enxame, a saúde dos abellas ou a colleita e comercialización de mel e outros produtos derivados; de selección e cría de raíñas de abella autóctona (6 días); e de manexo para evitar a morte por velutina das abellas autóctonas (2 días), no que se exporán métodos preventivos para protexer as colmeas desta especie invasora.

Os cursos teñen unha parte teórica e outra práctica, que se desenvolverá en colmeares de particulares. As persoas interesadas en asistir teñen que anotarse no enderezo electrónico casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661.003.616.

Vilalba

Vilalba
Cría de raíñas con abella autóctona. Escola da Pedragosa. San Simón da Costa. 22 e 23 de xuño (de 9 a 14 horas), 1 de xullo (de 14 a 21 horas) e 4 e 5 de xullo (de 9 a 14 horas)

O Valadouro
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. Casa da Cultura. Do 29 ao 30 de xuño (de 9 a 14 horas)

Xove
Cría de raíñas con abella autóctona. 6,7, 16, 18 e 19 de xullo (de 9 a 14 horas). Casa da Cultura.

Ferreira de Pantón
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. 13 de xullo (mañá e tarde). Comunidade de Montes de Ferroedo

Muras
Iniciación á apicultura. 20,21, 27 e 28 de xullo (9 a 14 horas). Local Municipal de Carelle
Cría de raíñas con abella autóctona. 3,4,13,15 e 16 de agosto (9 a 14 horas). Local Municipal de Carelle

Cervo
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. 14 e 15 de setembro (de 9 a 14 horas). Museo do Mar de San Cibrao

Mondoñedo
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. 23 e 24 de setembro (de 9 a 14 horas). IES San Rosendo

O programa formativo complementa outras accións desenvolvidas pola área de Rural neste eido como o ciclo de xornadas técnicas sobre a velutina, que se desenvoleron en Barreiros, Lugo, Samos e Carballedo, divulgando contidos orientados a paliar a proliferación desta especie invasora, que está afectando á produción de melífera e froitera e á biodiversidade.