Deputación de Lugo
Medio ambiente

Éxito da primeira edición do programa gratuíto de educación ambiental Exploradores do Miño da Deputación

Exploradores do Miño

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, mantivo este venres no Centro de Interpretación de Terras do Miño un encontro cos nenos e nenas que participaron durante este curso no programa gratuíto de educación ambiental Exploradores do Miño da institución provincial. Participaron nesta iniciativa nenos e nenas de entre 6 e 11 anos de idade que entre outras cuestións realizaron talleres de reciclaxe, compostaxe, herbarios, xogos relacionados co medio ambiente, actividades deportivas ao aire libre ou recollida de residuo.

Carlos López cualificou de “éxito” a primeira edición do programa que remata oficialmente a semana que vén e que tiña como obxectivos fomentar o lecer saudable dos rapaces, poñer en valor o medio natural, concienciar sobre o seu coidado e facilitar a conciliación laboral e familiar das familias. No encontro, o Deputado entregou a cada participante unha gorra, un caderno, un chuvasqueiro e unha mochila co logotipo dos exploradores.