Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación patrocina a cuarta edición da Ancares Cycling Marathon, unha homenaxe a Santiago Seijas

ANCARES CYCLING MARATHON
EFRÉN CASTRO
Ancares
O ciclista ruso Pavel Tonkov abrirá a proba que se celebrará o 11 de agosto, con paso polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Cervantes e As Nogais.

O vindeiro 11 de agosto celebrarase nas estradas da comarca dos Ancares a cuarta edición da proba ciclista  Ancares Cycling Marathon,  organizada polo Clube Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As estradas de Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro serán o escenario do evento, que mestura deporte e natureza e que volverá a ter a meta no Cebreiro. O ciclista ruso Pavel Tonkov, gañador do Giro de Italia en 1996 e de varias etapas da rolda italiana e de La Vuelta nos anos noventa, será o dorsal número 1 dun pelotón no que, como en anteriores edicións, se agarda a participación de afeccionados e afeccionadas de todo o Estado.

A proba, que se presentou este mediodía nos Xardíns da Deputación,  homenaxeará a Santiago Seijas do Club Ciclista Cidade de Lugo, atropelado na edición do ano pasado mentras colaboraba na seguridade da proba.

O vicepresidente da Deputacion de Lugo Efrén Castro dedicoulle a súa intervención, lembrando “que puxo a súa vida en perigo para salvar outras moitas vidas, de non ser por el o sucedido sería inda moito máis grave”. “A mellor homenaxe que lle podemos facer é seguir coa proba”, sostivo, lembrando que “foi un dos ideólogos desta proba. Confiaba moito en que tivera éxito, e así foi”.

O responsable da organización da proba Ezequiel Mosquera explicou os cambios no inicio do trazado, que suporán que a carreira transcurra, nos primeiros quilometros, polos concellos bercianos de Vega de Valcarce e Balboa.

Na presentación, conducida polo xornalista deportivo Terio Carrera, participou  Juan Paz, do Clube Ciclista Cidade de Lugo - que lembrou tamén o papel de Santiago Seijas na posta en marcha desta proba-, os alcaldes de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, de Cervantes, Benigno Gómez, e das Nogais, Jesús Núñez, e a concelleira de Xuventude, Festas e Servizos Sociais de Navia de Suarna, Eva Fernández - que conicidiron en destacar a repercusión da proba nos seus concellos -, Alberto Fernández, Xefe Provincial de Tráfico, e patrocinadores privados.

Tres percorridos e meta no Cebreiro

A proba ofrece  tres itinerarios, con distintas distancias e  niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas.

Gran Fondo. 110 quilómetros,  cun desnivel acumulado de 3.262 metros. Ascenderánse os altos da Campa do Comeal (3ª categoría), Os Sete Carballos (1ª Categoría), A Pintinidoira (1ª Categoría) e Villasol (1ª Categoría), para rematar coa mític ascensión ao Cebreiro (2ª Categoría).

Medio Fondo.  Terá unha distancia de 81,2 km, coas subidas a Campa do Comeal, Pintinidoira, Villasol e O Cebreiro.

Mini Fondo. 57,7 km, pasando por Campa do Comeal, Villasol e O Cebreiro.

As inscricións poden realizarse na web do evento https://ancarescyclingmarathon.es/inscribete/

 

ancares