Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde inauguran en Castroverde o centro multiusos Paco Pestana

José Tomé Roca
Castroverde
Inauguración do Centro Multiusos de Castroverde
- José Tomé Roca subliñou que, co financiamento de 325.000€ da Deputación, este concello “conta hoxe cun espazo público moito máis amplo, acondicionado e versátil para desenvolver actividades culturais e de lecer de todo tipo”

- Esta dotación, situada detrás do centro de saúde, consta de dous edificios conectados que contan cun gran espazo principal de 200 metros cadrados de superficie útil e outros locais máis pequenos, preparados para dar servizo ao tecido asociativo do municipio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Castroverde e Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, inauguraron este venres o centro multiusos Paco Pestana acompañados por varias ducias de veciños e veciñas. Unha dotación situada detrás do centro de saúde, en pleno centro urbano do municipio, á que a institución provincial destinou 325.000€ para convertela “nun espazo público moito máis amplo, acondicionado e versátil para desenvolver actividades culturais e de lecer de todo tipo”.


José Tomé Roca enmarcou este compromiso na política de “máxima” cooperación cos 67 concellos da provincia de Lugo “para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños e veciñas. Un compromiso importante que reforzamos cos concellos do noso rural”. Nese sentido, valorou que o centro multiusos Paco Pestana “terá un impacto enorme na vida social e cultural deste municipio” e que “axudará ademais a dinamizar o tecido asociativo de Castroverde, que por fin poderá contar cun edificio en condicións para poder levar a cabo as súas actividades”.


Lembrou o Presidente que a institución achegou a metade do investimento necesario para acometer estas obras, 307.500€, e asumiu ademais o coste íntegro da redacción do proxecto, outros 17.500€. Felicitou ao Alcalde, “que sempre pon primeiro aos seus veciños e veciñas á hora de asumir proxectos e pedir axuda á Deputación”, e aos familiares de Paco Pestana, presentes no acto, porque “que este centro leve o seu nome é unha bonita homenaxe a un home que viviu e representou a súa terra polo mundo”.


Pola súa banda, Xosé María Arias valorou o importante que é para Castroverde contar cun inmoble “funcional destas características, no que se poderán realizar todo tipo de actividades e ao que lle puxemos o nome de Paco Pestana coma homenaxe a este artista que viviu sempre moi ligado ao seu municipio natal”.

No acto acompañaron ao Presidente e ao Alcalde o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, a Concelleira de Cultura, Deporte, Educación e Xuventude de Castroverde, Pilar Ferreiro Vilar, e veciños e veciñas do concello.


Un centro para actividades sociais e culturais


O centro multiusos Paco Pestana é un inmoble que conta con dous edificios conectados entre si. As obras consistiron na remodelación, posta a punto e ampliación do centro social xa existente para deixar un de dúas plantas e outro dunha unidos por un nexo central. A edificación ofrece agora un gran espazo principal de 200 metros cadrados de superficie útil que poderá acoller todo tipo de actos e outros locais máis pequenos que darán servizo ao tecido asociativo do municipio.