A Vicepresidencia da Deputación forma a apicultoras e apicultores de Pantón no manexo de colmeas contra a velutina
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou esta fin de semana a Tuiriz, en Pantón, un curso sobre o manexo das colmeas para loitar contra a velutina. A formación estivo impartida por persoal técnico da Casa do Mel de Goente e centrouse nos métodos preventivos para protexer as colmeas desta especie invasora, con contidos teóricos e unha parte práctica.
O curso, que contou coa colaboración da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común de Ferroedo, está incluído no programa de formación en apicultura que está a desenvolver a área provincial, co obxectivo de ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese por esta actividade entre as persoas máis novas.
A través deste programa, que comezou en xuño, impartiuse formación en Vilalba, O Valadouro ou Xove -cun curso en marcha – e, en vindeiras datas, celebraranse en Muras, Cervo ou Mondoñedo, abordando diferentes cuestións de interese para o desenvolvemento desta actividade.
Trátase dunha proposta que xurde da colaboración e o diálogo coas entidades representativas do sector, que complementa outras actuacións que desenvolvemos nos últimos meses da man da Asociación Galega de Apicultura e que amplía a aposta da área de Rural pola formación e o asesoramento no sector primario.
Próximos cursos
Muras
Iniciación á apicultura. 20,21, 27 e 28 de xullo (9 a 14 horas). Local Municipal de Carelle
Cría de raíñas con abella autóctona. 3,4,13,15 e 16 de agosto (9 a 14 horas). Local Municipal de Carelle
Cervo
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. 14 e 15 de setembro (de 9 a 14 horas). Museo do Mar de San Cibrao
Mondoñedo
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. 23 e 24 de setembro (de 9 a 14 horas). IES San Rosendo
As persoas interesadas teñen que anotarse no enderezo electrónico casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661003616.