Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O Presidente destaca a contribución do sector agrogandeiro á provincia na homenaxe aos xubilados de ACRUGA

XUNTANZA
xubilado
ACRUGA
José Tomé Rocaparticipou este venres na xuntanza que recoñeceu o traballo dos profesionais retirados da gandería, aos que lles agradeceu os anos de dedicación “nun sector estratéxico para a economía da nosa provincia”

O mandatario provincial sinalou o compromiso da institución co sector, “a través da colaboración cos produtores, apostando por programas de investigación e formación como os que se desenvolven no Campus Terra e na Granxa Gayoso Castro,impulsando a presenza dos nosos produtos nos foros nacionais de gastronomía e turismo”

A Deputación mantén un acordo de colaboración con ACRUGA para seguir potenciando e poñendo en valor a raza, ademais de cooperar no centro de recría da Granxa Gayoso Castro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na homenaxe aos gandeiros e gandeiras da provincia que cesaron a súa actividade o ano pasado por xubilación nun acto organizado pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Rubia Galega (ACRUGA). Na cita, que se celebrou este mediodía no Hotel Torre de Núñez, José Tomé, destacou a significativa achega deste sector á provincia, ao tempo querecoñeceu o traballo dos profesionais retirados da gandería, aos que agradeceu por estes anos de dedicación “nun sector estratéxico para a economía da nosa provincia”. 

“Estratéxico para a economía, pola súa achega ao PIB. Estratéxico para o reequilibrio territorial, porque a pervivencia da gandería fixa poboación no rural. E estratéxico para manter a nosa personalidade, o carácter que fai da provincia de Lugo a terra que é hoxe e que quere seguir sendo no futuro”, subliñou o mandatario provincial. Quixo destacar Tomé, que “somos a provincia que máis produce leite e carne e con altísimos niveis de calidade. O leite e a carne que se produce en Lugo ten o máximo recoñecemento nos mercados e figura nos menús dos mellores chefs do mundo”. 

Así mesmo, o Presidente sinalou o compromiso fundamental da Deputación co sector primario, que se reflicte “a través través da colaboración cos produtores, apostando por programas de investigación e formación como os que se desenvolven no Campus Terra e na Granxa Gayoso Castro, impulsando a presenza dos nosos produtos nos foros nacionais de gastronomía e turismo”.

Xunto ao Presidente, que estivo acompañado polo Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participaronno acto o presidente de ACRUGA, César Dorado, a Concelleira da Área de Cohesión Social do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.

Colaboración intensa con ACRUGA

O Presidente recalcou o compromiso da Deputación de Lugo cos sectores produtivos da provincia, e puxo como exemplo dese compromiso a relación de colaboración que a institución provincial mantén con ACRUGA, para seguir potenciando e poñendo en valor a raza, ademais de cooperar no centro de recría da Granxa Gayoso Castro. A institución provincial ten subscrito co colectivo un convenio de colaboración por importe de 700.000€ con vixencia ata o ano 2026.