Deputación de Lugo

A Deputación destina 12.000€ á asociación Rechouchíos de Taboada para a creación dun fondo de traxe tradicional galego

José Tomé Roca
Taboada
Sinatura convenio coa Asociación Rechouchíos
- O Presidente vén de asinar un acordo de colaboración con este colectivo cultural, co obxectivo de preservar e fomentar o traxe tradicional en diversas actividades culturais e festivas en Taboada e na súa bisbarra

- José Tomé sinalou que o financiamento deste proxecto, que se fará nas anualidades 2024, 2025 e 2026, facilitará a confección “dunha peza clave da nosa identidade cultural”, polo que este tipo de apoios “son fundamentais para manter vivas as nosas tradicións, achegalas ás novas xeracións, e seguir promovendo a nosa riqueza cultural”

O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración coa representante da asociación Cultural Rechouchíos, María del Carmen Vila Fontao, no Pazo de San Marcos. Un acto no que tamén estivo presente o Alcalde de Taboada, Roi Rigueira, e onde se evidenciou o compromiso da institución provincial de achegar 12.000€ para apoiar a creación dun fondo de traxe tradicional galego, co obxectivo de preservar e promover esta parte esencial da nosa identidade cultural. José Tomé Roca subliñou que esta achega permitirá a confección das distintas pezas que compoñen o traxe rexional e dotar ao colectivo taboadés do equipamento necesario para seguir o seu labor na preservación e fomento da cultura galega en diversas actividades culturais e festivas, tanto en Taboada como na súa bisbarra. 

Con este acordo, sinalou o Presidente, “reafirmamos o compromiso da Deputación co apoio ás entidades culturais locais e á preservación das tradicións galegas”. Engadiu que o financiamento deste proxecto, distribuído en tres anualidades- cun importe económico de 4.000€ nos anos 2024, 2025, e 2026-, facilitará a confección do traxe rexional, “unha peza clave da nosa identidade cultural”, polo que o traballo de entidades como Rechouchíos “é fundamental para manter vivas as nosas tradicións, achegalas ás novas xeracións e seguir promovendo a nosa riqueza cultural”.

O mandatario provincial tamén destacou que o apoio económico da institución provincial permitirá á asociación Rechouchíos cubrir as necesidades derivadas do recente aumento de membros. “O investimento permitirá que a entidade continúe desenvolvendo o seu labor educativo e cultural, garantindo a participación activa da comunidade en eventos festivos e culturais, e fortalecendo o achegamento ás novas xeracións a súa herdanza cultural”.
Nos últimos dous anos, a asociación triplicou o número de membros, especialmente entre os máis pequenos, debido á creación de aulas infantís. Este aumento xerou a necesidade de adquirir nova indumentaria para asegurar que todos os integrantes dispoñan do equipo adecuado para participar en actividades culturais e festivas.

A asociación realizará o proceso de elaboración dos traxes en tres anualidades, en xornadas abertas a participación de toda a cidadanía. Estas sesións contarán con asesoramento profesional en corte e confección para deseñar e planificar as pezas co material necesario previamente adquirido. No caso das prendas máis complexas de confeccionar serán os profesionais os que se encargarán da súa elaboración.  Cada traxe completo incluirá varias pezas, adaptadas para mulleres, nenos e homes, como saias, mandís, dengue ou xustillos, pantalóns, polainas, faixas, chalecos e monteiras. 

Preservación e impulso á cultura galega


A asociación cultural Rechouchíos, fundada en 2014, ten como principal obxectivo a recuperación e o fomento da cultura tradicional galega. O colectivo, que conta con 50 socios de idades comprendidas entre 3 e 80 anos, organiza e desenvolve unha ampla gama de actividades culturais, educativas e de divulgación ao longo do ano. Estas actividades inclúen música, baile, artesanía e a recuperación da indumentaria tradicional, contribuíndo á dinamización e á valorización da cultura galega na zona do sur da provincia.