Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación colabora coa Subida á Chantada, que esta fin de semana celebra a 50ª edición

Subida a Chantada
automobilismo
DANIEL GARCÍA
Deportes achega 18.000 euros á organización desta edición especial da proba, consolidada entre as máis veteranas do Estado

O deputado de Mocidade Daniel García participou na presentación da Subida Automobilística a Chantada, que se celebrará esta fin de semana  co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A Escudería Chantada organiza a proba – a terceira no calendario do Campionato de España de Rally de Montaña – , que conta con 77 pilotos inscritos , entre eles o galego Jacobo Senín, un dos candidatos ao título na súa categoría.

A carreira desenvolverase nun percorrido de 4,3 quilómetros da estrada comarcal C-533, entre Ponte Vella e a confluencia coa estrada de Chantada a Monforte de Lemos. O programa arrancará o venres coas verificacións dos vehículos participantes e a ceremonia de saída, polo centro da vila. O sábado están previstas as dúas primeiras mangas de adestramento e a primeira de carreira; o domingo, terá lugar a terceira subida de adestarmentos e as dúas últimas de carreiras.

Na presentación do rally, na que participaron representantes da Escudería, e patrocinadores institucionais e privados, o deputado de Mocidade Daniel García felicitou  á organización pola continuidade da proba que valorou como “unha mostra da capacidade do tecido deportivo da provincia para organizar eventos de repercusión estatal e europea e da gran afección coa que conta este deporte en toda Galiza, e de forma moi destacada nas comarcas do sur de Lugo”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo  achega 18.000 euros á  Escudería Chantada -4.000 máis que na penúltima anualidade – para colaborar na organización dunha edición especial, que consolida a proba entre as carreiras de montaña máis veteranas e recoñecidas do Estado.

O apoio á Subida a Chantada encádrase na colaboración que a área de Deportes mantén con escudería e pilotos para a promoción deste deporte, que inclúe, ademais da colaboración económica na organización das principais probas de rally, unha liañ de axudas específica para pilotos de rally e o programa deportivo e formativo Volante Deputación que ofrece a pilotos noveis a posiblidade  de iniciarse na competición.