Deputación de Lugo

O Trece Roeis anuncia os horarios do festival que se celebrará esta fin de semana co apoio da Deputación

Pantón
Trece Roeis Fest
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este luns na rolda de prensa que acolleu o Pazo de San Marcos e na que os organizadores deron a coñecer en detalle o desenvolvemento das actuacións musicais do 30 e 31 de agosto

Desde hoxe están tamén á venda as entradas para participar nunha cata de viños Reitoral de Amandi que incluirá un obradoiro da man de Maira Ratón, técnica en elaboración de viños da asociación galega de enólogos

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns no Pazo de San Marcos nunha rolda de prensa para anunciar os horarios do Festival Trece Roeis que se celebrará este venres e sábado no concello de Pantón co apoio da Deputación de Lugo. A institución provincial colabora con esta cita musical a través dunha achega de 6.000€.

“Destacaría a capacidade que ten este festival de diversificar e deslocalizar as diferentes actuacións polas rúas de Pantón, o que favorece a integración da propia vida municipal no propio evento. Unha cuestión que contribúe tamén dun xeito importante a dinamizar a economía local. Esta cita é o cóctel perfecto entre tradición, cartel de luxo, gastronomía e viños da Ribeira Sacra”, apuntou Pablo Rivera. 

O Deputado enmarcou a colaboración provincial no modelo de turismo que defende a Deputación: de calidade, proximidade, sostible e con capacidade para atraer visitantes todo o ano; e tamén no compromiso da institución provincial de colaboración cos 67 concellos da provincia e ao seu tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica do territorio, sobre todo no rural.

No acto participaron ademais a representante da asociación organizadora do festival, Blanca Tejero, e o Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, quen avanzou que para esta fin de semana a ocupación hoteleira está completa no concello.

Segundo sinalaron desde a organización, hoxe puxéronse tamén á venda, a través da páxina web, as entradas para a reserva da cata de viños Reitoral de Amandi que incluirá o venres, ás 11:30 horas, un obradoiro da man de Maira Ratón, técnica en elaboración de viños da asociación galega de enólogos. O prezo da entrada é de 10€ que se devolverá coa asistencia á actividade, que terá lugar no Espazo Galicia.


Horarios 

Venres, 30 de agosto

  • 19:15 Sara Socas
  • 20:15 TIAM Gz
  • 21:20 Fillas de Cassandra
  • 22:50 Soziedad Alkoholika
  • 00:40 Arrhythmia
  • 02:00 Rebeliom do inframundo

Sábado, 31 de agosto

  • 19:45 Exeria
  • 20:50 Ana Tijoux
  • 22:20 Sôber. 30 aniversario con Savia e Skizoo
  • 00:30 Green Valley
  • 02:05 Los de Marras