Arranca en Ribadeo o XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, co apoio da Deputación
Francisco Cajoto manifestou “o compromiso da institución provincial de seguir apoiando iniciativas que promovan o coñecemento e a formación no sector da automoción, vital para o desenvolvemento económico de Galicia”
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este mércores na inauguración do XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebra en Ribadeo desde hoxe e ata o venres, día 30 de agosto. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) promove esta cita, que reúne a 50 profesionais, estudantes e afeccionados do sector, co apoio da Deputación e conta con numerosas actividades relacionadas co mundo da automoción.
Francisco Cajoto destacou o compromiso da institución provincial co mundo da automoción e a importancia deste evento ao que achega 3.000 euros co obxectivo de apoiar e fomentar o desenvolvemento do sector automobilístico.
Na súa intervención, o Deputado eloxiou o traballo de APAGA na organización do Fórum, que se consolidou como unha cita indispensable para abordar a realidade do sector da automoción, un dos máis relevantes tanto a nivel global como galego.
“A automoción é un piar fundamental da economía galega, representando aproximadamente o 16% do PIB da comunidade e xerando uns 24.800 empregos directos. Ademais, a facturación do sector en 2023 acadou os 13.000 millóns de euros, e as exportacións supoñen máis do 30% do total en Galicia, cun valor de 9.400 millóns de euros”, subliñou Cajoto.
O Deputado reafirmou o apoio continuo da Deputación de Lugo a APAGA e manifestou “o compromiso da institución de seguir apoiando iniciativas que promovan o coñecemento e a formación no sector da automoción, vital para o desenvolvemento económico de Galicia”.