Deputación de Lugo
Formación

A Deputación participa no IV Encontro Educativo Galego que reúne en Lugo a preto dun cento de docentes

Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social asistiu este xoves á inauguración da cita, que ofrece ao longo do día un espazo de reflexión sobre os retos e as oportunidades do sector a través de 13 poñentes, 6 obradoiros e 2 conferencias

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves no VI Encontro Educativo Galego que reúne en Lugo a preto dun cento de docentes. A cita, que se desenvolve durante toda a xornada de hoxe no Hotel Torre de Núñez, ofrece un espazo de reflexión sobre os retos e as oportunidades do ensino a través de 13 poñentes, 6 obradoiros e 2 conferencias.

“Dende a Deputación de Lugo, o noso compromiso co ensino público sempre foi unha prioridade e debemos seguir avanzando cara un futuro onde a educación sexa inclusiva, innovadora e adaptada ás necesidades reais da nosa sociedade”, valorou Rivera Capón. Para o Deputado só adaptándonos aos tempos “poderemos garantir que as futuras xeracións teñan as ferramentas necesarias para afrontar os desafíos do século XXI”.

Este encontro, deseñado por docentes e para docentes, chega en Lugo á súa cuarta edición con máis do dobre de participantes que hai catro anos. Un éxito de participación que demostra o interese que xeran na docencia cuestións como a disciplina positiva, as metodoloxías activas e innovadoras ou a importancia do xogo.