Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Sarria acollerá o 12 e 13 de setembro as dúas primeiras etapas da Volta a Galicia, co apoio da Vicepresidencia da Deputación

VOLTA A GALICIA
Sarria
Unha contrarreloxo individual e unha etapa de 160 quilómetros de media montaña, con saída e chegada na vila e percorrido polos concellos da comarca e da contorna, marcarán o devir da proba

A Volta á Galicia percorrerá un ano máis a xeografía lucense, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.  Sarria será o punto de referencia das dúas primeiras etapas da proba que reúne os mellores ciclistas das categorías Sub-23 e Elite e que se celebrarán o 12 e o 13 de setembro.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e Efrén Castro e o presidente da Federacion Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron as etapas este mediodia na rúa Maior de Sarria.

Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos o apoio á Volta a Galicia, apostando de novo polo ciclismo como plataforma para amosar a riqueza natural e patrimonial e dinamizar económica e socialmente Sarria e o resto da comarca e do interior de Lugo, pola loxística e o público que trae consigo”.

Tamén destacou  a relevancia deportiva da proba para ciclistas que aspiran a unha carreira deportiva profesional. Neste sentido subliñou que “ o apoio á proba pretende contribuír ao fortalecemento dunha estrutura deportiva - unha rede de clubs, competicións e público-  que fomente a práctica desta modalidade e que ofreza aos ciclistas e ás ciclistas do país un itinerario de crecemento competitivo”


1º Etapa.  12 de setembro.

A primeira etapa da Volta a Galicia será unha contrarreloxo individual con saída na rúa da Liberdade e chegada na rúa Maior (fronte á Igrexa de San Salvador), e un percorrido de 7,1 quilómetros pola vila e a contorna da localidade. A proba comezará ás 18.00 horas.

2ª Etapa. 13 de setembro.

O trazado deseñado para a segunda etapa da Volta a Galicia, con chegada e saída na rúa da Liberdade, conta con 160 quilómetros nos que os ciclistas percorrerán tamén outros concellos das comarcas de Sarria e Lugo como Samos, Láncara, O Páramo, O Corgo, Castroverde, Baralla e Lugo (Nadela). A proba iniciarase ás 12.00 horas cunha saída neutralizada.

Trátase dun itinerario de media montaña con terreo bastante rápido e rompepernas, con Montán (Samos) e Sobrado (Baralla) -portos de terceira categoría- como puntos máis altos do circuíto.


112 ciclistas de 16 equipos

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 12.000 euros para a organización da etapas lucenses da Volta a Galicia,  un escaparate para ciclistas das categorías Elite e Sub 23, que preparan o salto ao ciclismo profesional.

Nesta vixésimo segunda edición, con outras dúas etapas en distintos puntos de Galiza (Xinzo de Limia e Sanxenxo) participan 112 ciclistas de 16 equipos.