Deputación de Lugo

A Deputación aposta pola innovación e a investigación tecnolóxica no Campus Terra

José Tomé Roca
USC
Sinatura convenio USC
- O Presidente, José Tomé Roca, asinou este martes un convenio de colaboración co Reitor da USC, Antonio López, de 9.500€ para impulsar este eido a través do Campus de Lugo

- Neste acordo, que ascende ata os 62.800€, tamén participa a Caixa Rural Galega, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a propia Universidade e a institución provincial

- José Tomé sinalou que “con accións e iniciativas coma esta favorecemos o desenvolvemento da sociedade. Por iso, renovamos este convenio co que tamén damos un paso máis no impulso da comunidade científica e académica”

- Pola súa banda, Antonio López recalcou que a dotación deste acordo serve para dinamizar a captación de recursos e proxectos, así como a difusión dos resultados das actividades de I+D+i que teñen como finalizade última “impactar na cidadanía e mellorar a súa calidade de vida”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, mediante o cal a institución provincial achega a esta entidade un total de 9.500€. Trátase dun acordo entre a Deputación, a USC, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para promover actividades de investigación tecnolóxica, favorecer a difusión no medio económico e social e impulsar a súa dinamización a nivel interno entre a propia comunidade universitaria. 


José Tomé avanzou que “dende a Deputación de Lugo renovamos este acordo de colaboración demostrando así o firme compromiso que mantemos na nosa institución co desenvolvemento do eido da investigación, a innovación e o coñecemento científico. Así mesmo, o Presidente destacou a importancia de colaborar “con accións e iniciativas coma esta que favorecen o desenvolvemento da sociedade. Por iso, renovamos este acordo co que tamén damos un paso máis no impulso da comunidade científica e académica”. 


Pola súa banda, o Reitor da USC, Antonio López, cualificou de “fundamental” o apoio institucional recibido por parte da Deputación Provincial para fortalecer o músculo investigador do Campus de Lugo, “clave no desenvolvememento do sector agroalimentario e forestal de Galicia”. López reiterou a gratitude por esta “colaboración sostida no tempo” e sinalou que a “sinerxía entre institucións é motor de avance para a sociedade”. Antonio López lembrou tamén que a dotación deste convenio serve para dinamizar a captación de recursos e proxectos, así como a difusión dos resultados das actividades de I+D+i que teñen como finalizade última “impactar na cidadanía e mellorar a súa calidade de vida”.


As iniciativas que se inclúen nesta colaboración e que se desenvolven a través do Campus de Lugo van dirixidas a dar a coñecer entre o profesorado da Universidade os proxectos e as convocatorias de I+D+i realizadas por distintos organismos e entidades a nivel autonómico, estatal e internacional. Nesta actuación inclúese tamén o apoio, mediante persoal técnico, na elaboración de propostas das distintas convocatorias. Así mesmo, tamén se introduce a captación de recursos e proxectos para diferentes áreas e a difusión dos resultados dos proxectos e actividades de I+D+i do Campus de Lugo nos medios de comunicación, o que favorecerá a transferencia de coñecemento ao conxunto da sociedade.


O orzamento total deste convenio ascende ata os 62.800€, dos cales Caixa Rural Galega achega un total de 50.000€, a Universidade 3.300€ e a institución provincial a contía restante -9.500€-.


Colaboración activa coa USC


No acto de sinatura, o mandatario provincial recordou que a Deputación mantén unha colaboración activa coa Universidade de Santiago de Compostela. “Mantemos unha estreita relación que se materializa a través de diferentes colaboracións como a que vimos de renovar”. Ademais, a institución provincial achega a esta entidade un total de 370.500€ de forma anual e “tamén desenvolvemos diferentes proxectos e iniciativas como o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro”. Nesta liña, Tomé Roca finalizou lembrando que “en xullo de 2022 cedemos de forma gratuíta os terreos necesarios para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado”.