Cultura
Deputación de Lugo

A Capela de Santa María de Lugo acolle unha exposición de pregos de cordel, con 80 exemplares de temática galega

Capela de Santa María
CELME DE ZANFONA
A mostra, unha escolma de documentos do Arquivo Castro Vicente, dá paso á cuarta edición do Celme de Zanfona, que comeza mañá cunha ampla programación ao redor do legado dos cegos cantores

A deputada de Cultura Iria Castro inaugurou esta tarde a mostra Pregos de cordel: Crimes, monstros e milagros, que poderá verse ata o 31 de outubro na Capela de Santa María en Lugo.

A mostra, que complementa a programación do encontro 4º Celme de Zanfona,  reúne unha escolma de documentos do Arquivo Castro Vicente: 80 pregos, a maioría deles de temática galega,  que permite observar de preto as cualidades formais, editoriais, literarias e relativas á estampa destes impresos con romances, coplas e outros escritos en prosa e verso que os cegos cantores vendían nas feiras.

A responsábel provincial, que estivo acompañada polo director da Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño Luciano Pérez, polos comisarios da mostra Félix e Cástor Castro Vicente e pola concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro, agradeceu a colaboración dos investigadores ourensás que “con esta mostra amplían o programa do Celme de Zanfona” e valorou “o traballo de investigación e recollida como o realizado polos irmáns Castro Vicente que permitiu salvagardar o patrimonio musical e literario creado polos cegos cantores”

Notas sobre os comisarios e o Arquivo Castro Vicente

Cástor e Félix Castro Vicente (Ourense, 1970), donos do Arquivo Castro Vicente, levan máis de vintecinco anos dedicados á investigación etnográfica, sobre todo no aspecto musical e da literatura oral, formándose tamén como músicos tradicionais e folk.

Desa labor investigadora xurdiron discos e publicacións como «Catálogo de Música tradicional da Limia»,  o libro-cd «Sons da Limia», colaboracións co programa da TVG de música tradicional «Alalá» e do «Proxecto Ronsel», sobre patrimonio inmaterial galego.

A orixe do Arquivo Vicente Castro está no traballo de investigación sobre os cegos cantores da Limia -entre eles os da Gándara, Sás, Alberguería, e Buxán -, con entrevistsas a familiares e recollida de romances, cantigas e información deles. Estes materiais son parte dunha colección composta duns 400 pregos de cordel e Aleluias de todo o Estado español, clasificados temáticamente, con especial dedicación ao tema marabilloso e monstruoso.

Mañá, primeira xornada do Celme de Zanfona

A exposición Pregos de cordel forma parte das actividades complementarias ao 4º Celme de Zanfona, centrado no legado dos cegos cantares, portadores da esencia das músicas de tradición oral desde a Idade Media.

O programa, que se desenvolve desde mañá venres e durante a fin de semana no Centro de Artesanía e Deseño, inclúe conferencias, clases maxistrais, proxeccións audiovisuais,  actuacións musicais e espectáculos teatrais dedicados a afondar no repertorio, os recursos técnicos e expresivos e o contexto en que se desenvolveron estes músicos itinerantes ao longo da historia.

Na primeira xornada, celebrarase unha clase maxistral de zanfona a cargo de Anxo Pintos -para alumnado inscrito na actividade – e o espectáculo teatralizado Romance de unha fatal ocasión, unha montaxe de Quico Cadaval realizada a partir  dun romance que os membros do Seminario de Estudos Galegos escribiron en 1935 para Castelao -daquela desterrado en Badajoz – e que recrea a alianza dos cegos cantores coa arte dos monicreques. O espectáculo conta con Evaristo Calvo no papel de Castelao. Cantos e músicas en directo con Francisco do Romualdo e teatro de marionetas de Larraitz Urruzola.