A Vicepresidencia da Deputación promove un documental sobre O Vello Pancho polo centenario do seu pasamento

Este xoves estreouse en Ribadeo o documental "O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata”, un proxecto audiovisual producido coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coincidindo co centenario do falecemento do poeta e político de orixe ribadense José Alonso y Trelles (Ribadeo 1857– Montevideo, 1924), emigrado a Uruguai onde acadou  sona e recoñecemento.

No acto, que contou coa presenza do director do filme, Xan Leira, e do libreiro e investigador ribadense Pablo Rodríguez “Vivín”, cuxo testemuño e arquivo documental ten un papel chave no filme, a responsable provincial sinalou que se trata dun proxecto audiovisual “que divulga material pouco coñecido sobre O Vello Pancho, poñendo en valor  o patrimonio documental depositado en Ribadeo pola súa familia” e  destacou que “a investigación sobre a súa vida e obra supón tamén unha ventá para seguir afondando no coñecemento da emigración da comarca da Mariña cara a America”.

O audiovisual artéllase arredor do descubrimento diante da cámara do material conservado por Pablo Rodríguez “Vivín”, depositario do arquivo da familia Alonso y Trelles en Ribadeo, xenerando unha narrativa que afonda en diferentes aspectos da biografía e da obra do escritor e político, no que interviñen tamén outras persoas investigadoras como Pilar Cagiao, Martín Fernández Vizoso, Manuel Suárez, José Mª Monterroso Devesa, Toni de Seares e Ana Lorenzo, estes últimos responsables do programa de radio Sempre en Galicia, de Montevideo e integrantes do Patronato da Cultura Galega, entidade comprometida coa recuperación e mantemento do legado do escritor homenaxeado.

O documental presentarase en próximas datas noutras localidades da Mariña.