Deputación de Lugo
Formación
Innovación e TIC

A Deputación destaca nun foro en Lugo a aposta do Campus Terra pola investigación e a mocidade

CONGRESO
investigación
mocidade
escola politecnica superior
Campus Terra
O Deputado de Medio Ambiente participou esta mañá na Politécnica na inauguración do I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora, que reúne desde hoxe e ata o mércores a investigadores doutras universidades, centros de investigación e institucións

Carlos López sinalou o compromiso da institución provincial co ensino público porque iniciativas como esta “incrementen a porcentaxe de PIB que se destina ao ensino, así como os fondos dirixidos a proxectos de investigación ou as reformas que melloren as condicións de seguridade e estabilidade laboral dos investigadores”

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou na mañá deste luns na inauguración do I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora, organizado polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O foro, que se desenvolve na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, reúne desde hoxe e ata o mércores a mozos e mozas investigadores do campus lucense e doutras universidades, así como de centros de investigación e outras institucións. 

Carlos López destacou a aposta do Campus lucense pola investigación e a mocidade coa organización deste primeiro foro, “que é o nacemento dunha iniciativa intelixente, ben deseñada, e que está chamada a reforzar o perfil universitario de Lugo”. Lembrou que a Deputación ten un compromiso permanente de colaboración co ensino superior público, tanto coa USC como tamén ca UNED, e que este tipo de iniciativas “incrementan a porcentaxe de PIB que se destina ao ensino, así como os fondos dirixidos a proxectos de investigación ou as reformas que melloren as condicións de seguridade e estabilidade laboral dos investigadores”, subliñou o Deputado. 

O Congreso, que leva de título Raíces do Coñecemento,ten por obxectivo crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora ibérica, presentando as súas investigacións e no que poidan xurdir diversas colaboracións. O foro está estruturado en nove liñas de investigación: produción vexetal sostible, produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), tecnoloxías ‘ómicas’, cambio climático, unha única saúde e historia e cultura no medio rural.