Deputación de Lugo

O Presidente reivindica o labor das mulleres do rural na clausura da xornada Con Voz de Muller

José Tomé Roca
Con Voz de Muller
- “As mulleres non poden ser o sostén das deficiencias dun estado do benestar que algúns queren desenvolver a dúas velocidades: servizos máis ou menos plenos na cidade; recortes e servizos inexistentes no rural”, sinalou José Tomé Roca

- Na cita organizada este martes pola Deputación e a Cadena Ser no Pazo de San Marcos, o mandatario provincial defendeu que “reclamar servizos públicos para o rural é hoxe, na miña opinión, un obxectivo ineludible das políticas de igualdade”

- Unha ducia de mulleres que representan ás institucións, ao tecido empresarial e asociativo, á cultura e ao feminismo compartiron as súas experiencias e debateron sobre os pasos que aínda faltan por dar para avanzar en igualdade no Día da Muller Rural

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reivindicou este martes o labor das mulleres do rural na clausura da xornada Con Voz de Muller que tivo lugar no Pazo de San Marcos. “As mulleres non poden ser o sostén das deficiencias dun estado do benestar que algúns queren desenvolver a dúas velocidades: servizos máis ou menos plenos na cidade; recortes e servizos inexistentes no rural”, sinalou o mandatario provincial na cita organizada esta tarde pola institución provincial e a Cadena Ser.

Coincidindo co Día Mundial da Muller Rural, a cita reuniu, nun Salón de Actos cheo, a unha ducia de mulleres referentes con diferentes profesións e experiencias vitais vencelladas ás institucións, ao tecido empresarial e asociativo, á cultura e ao feminismo, que compartiron as súas experiencias e debateron sobre os pasos que faltan aínda por dar para avanzar en igualdade. 

Participaron a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; a música Sara Nebra; a presidenta de FADEMUR, Verónica Marcos; a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, Rosa Romero; a Directora de Competitividade Estratéxica en AGROAMB, Josefa de León; a responsable de Galletas Tataraboas; a da cooperativa de MIlhulloa, Chusa Expósito; a actriz Melania Cruz; a fotógrafa Esther López; e a cesteira Idoia Cuesta.

“As políticas cara a igualdade son unha demanda social global, que teñen que comprender a todas as administracións”, argumentou o Presidente, quen sinalou que na Deputación “aplicamos a perspectiva de xénero dun xeito transversal a todas as medidas que adoptamos”. Destacou ademais que “baixo ese prisma” a Deputación está aplicando xa o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes co que conta esta institución provincial.

Na súa opinión, “o camiño cara a igualdade non se pode percorrer só en contornos urbanos” e explicou que na actualidade dúas de cada tres persoas que deixan de vivir no rural son mulleres. “Iso significa que cando falamos de despoboamento, de fenda dixital, de falla de servizos públicos, estamos a falar, sempre e de xeito moi claro, dun problema tamén de xénero”, valorou. Nese sentido, apuntou que se as mulleres do rural marchan, “o rural deixará de ter futuro”.

Explicou, así mesmo, Tomé Roca que “cando as administracións locais reclamamos a suficiencia financeira dos concellos, estamos a intentar rachar un círculo vicioso que prexudica de xeito especial ás mulleres do rural”. “Un déficit que ten levado a que a propia Deputación, aínda que non ten as competencias, veña construíndo unha rede de residencias públicas no rural, ante a situación de emerxencia social que xera a inacción da Xunta de Galicia”, e nese sentido, engadiu que “reclamar servizos públicos para o rural é hoxe, na miña opinión, un obxectivo ineludible das políticas de igualdade”.