O Pazo de San Marcos acolle as XXXVIII Xornadas Penitenciarias Lucenses, dedicadas á discriminación por razóns de sexo e á identidade de xénero
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na inauguración da XXXVIII edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal. Nesta ocasión, o encontro, que se está a desenvolver na Deputación de Lugo dende hoxe ata o mércores, céntrase na discriminación por cuestións de sexo e na identidade de xénero no ámbito penitenciario.
No acto, a Deputada participou na tradicional entrega de Medallas coas que cada ano a entidade lucense recoñece o labor de diferentes profesionais que traballan neste sector. Un recoñecemento no que tamén estiveron, entre outras autoridades, a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondos; a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Elvira Fernández; e a vicepresidenta deste mesmo colectivo e directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.
Ademais de ceder o espazo para realizar as Xornadas, a institución provincial colabora con esta asociación cunha achega económica de 23.900€ para financiar un programa de reinserción laboral.