A Deputación apoia con 10.000€ o servizo ambulatorio que APNED presta a nenos e adolescentes con discapacidade na Mariña
A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso coa inclusión social e o apoio aos colectivos con diversidade funcional a través dun novo convenio de colaboración con APNED, a Asociación de Pais e Nais de Nenos con Discapacidade da Mariña de Lugo. A institución provincial destina unha achega de 10.000 euros que permitirá reforzar o servizo ambulatorio que a entidade ofrece a nenos e adolescentes con discapacidade na comarca da costa. Este acordo foi formalizado no Pazo de San Marcos, onde o presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou coa representante de APNED, María del Carmen Iglesias Fuentes,o convenio que posibilitará a continuidade e mellora deste servizo fundamental para as familias de nove concellos da zona.
O servizo ambulatorio de APNED atende a 30 menores con diversas discapacidades, como Trastornos do Espectro Autista (TXD), Trastornos do Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), Síndrome de Angelman, Síndrome de Prader-Willi, problemas de audición e visión, parálise cerebral infantil (PCI), trastornos específicos de linguaxe (TEL), entre outros, nos concellos de Barreiros, Ribadeo, Foz, Alfoz, Burela, Xove, e Viveiro.
Un servizo de atención integral para as familias
Tomé Roca subliñou a importancia do labor que desenvolve este colectivo, “que traballa para que as persoas con discapacidade poidan desenvolverse no seu contorno familiar e comunitario, garantindo que as súas diferenzas se vexan como un valor engadido e non como unha barreira”. O servizo ambulatorio que se financia grazas á colaboración da Deputación proporciona atención a domicilio con profesionais especializados, como logopedas, psicólogos e monitores. Este equipo profesional deseña e implementa intervencións adaptadas ás necesidades de cada persoa, promovendo que a intervención se leve a cabo no propio domicilio e, ao mesmo tempo, en coordinación con outros ámbitos coma a escola.
O obxectivo de APNED é contribuír a que nenos e adolescentes con discapacidade acaden a máxima autonomía posible, a través dunha metodoloxía de traballo baseada en obxectivos claros e adaptados. Nese sentido, o Presidente destacou que o traballo de APNED é fundamental para unha sociedade inclusiva e para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade na Mariña: “A Deputación está comprometida en apoiar iniciativas que permiten que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades para desenvolverse e integrarse plenamente.” Pola súa parte, a presidenta de APNED agradeceu o apoio e subliñou a importancia deste servizo para as familias, que non só reciben axuda profesional senón tamén o acompañamento que necesitan para mellorar o benestar dos seus fillos e fillas.
APNED
A Asociación de Pais e Nais de Nenos con Discapacidade da Mariña Lucense é un colectivo sen ánimo de lucro, creado no ano 2001 por pais e nais de nenos e nenas con capacidades diferentes que ofrece, a día de hoxe, atención individualizada a usuarios de concellos mariñáns. Este colectivo creouse co fin de dar un servizo de atención e integración nun contexto ordinario, traballando na súa autonomía e en aspectos relacionados coa vida diaria. APNED ofrece atención, integración e apoio a todo tipo de usuarios e usuarias con capacidades diferentes.