Deputación de Lugo

O alumnado do Centro de Audiovisuais da Deputación súmase ao 25N cunha escape room gratuíta e aberta ao público

25N
A actividade, titulada Axúdame, por favor, estará dividida en dez sesións, con seis prazas cada unha que se poden reservar no enlace https://bookeo.com/axudameporfavor

As alumnas e alumnos de primeiro de Produción organizan esta escape room contra a violencia machista que se desenvolverá o vindeiro luns entre as 9:15 horas e as 13:45 horas

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación acollerá o vindeiro luns unha escape room contra a violencia machista organizada polo alumnado de primeiro de Produción con motivo do 25N. A actividade, titulada Axúdame, por favor, será gratuíta e estará aberta ao público. Haberá dez sesións, cada una con seis prazas dispoñibles, que comezarán ás 9:15 horas e rematarán ás 13:45 horas. Calquera persoa que estea interesada en participar pode reservar praza en https://bookeo.com/axudameporfavor.

Este venres o alumnado da escola puxo en práctica este xogo, no que os participantes, pechados nunha habitación, deben ir resolvendo diferentes probas para avanzar na historia e terminala satisfactoriamente. Tratouse dun último ensaio para que todo estea listo este luns.

O argumento de Axúdame, por favor

Esta escape room conta a historia de Clara, unha muller atrapada nunha relación abusiva, tanto a nivel emocional como físico. Durante os últimos meses, Clara intenta, en secreto, comunicarse cos seus amigos e familiares, deixando pequenas pistas coa esperanza de que alguén entenda a súa situación e poda axudala.

A partir deste argumento, os participantes tentarán atopar todos os indicios da violencia de xénero que está vivindo Clara, para así poder axudala a través dos diferentes mecanismos que a cidadanía ten ao seu alcance na loita contra as violencias machistas.

Primeira práctica en escenario real

O alumnado de primeiro do Ciclo de Produción é o encargado de organizar esta actividade, dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Tanto a idea do escape room, como a súa organización e execución é un traballo deste grupo de alumnas e alumnos que, deste xeito, realizan a súa primeira práctica nun escenario real. Este tipo de formación é un dos sinais de identidade do modelo educativo que impulsa a Deputación, dentro da súa aposta por un ensino gratuíto e de calidade.