Deputación de Lugo

O Presidente supervisa en Quiroga maquinaria para o mantemento de camiños rurais financiada pola Deputación

JOSE TOMÉ
Quiroga
MAQUINARIA
José Tomé Roca, acompañado polo Alcalde e o Tenente de alcalde quirogués , formalizou a entrega dun tractor no municipio sufragado pola institución provincial grazas a unha colaboración coa entidade local de preto de 124.000€

O mandatario provincial destacou que “esta nova dotación permitirá mellorar a mobilidade nas zonas rurais de Quiroga”, e enmarcou esta contribución no compromiso do Goberno provincial de cooperar cos pequenos municipios da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado polo Alcalde de Quiroga, José Rivera Castro, e o Tenente de alcalde, Vicente Vizcaíno Parra, supervisou este martes a entrega dun tractor ao municipio quirogués, destinado ao mantemento e acondicionamento de camiños rurais. A adquisición desta maquinaria foi posible grazas a unha achega da Deputación de Lugo, enmarcada nun convenio de colaboración de preto de 124.000€ que tamén inclúe a implantación da plataforma dixital Aldealista, co fin de potenciar a promoción turística do municipio. 

José Tomé Roca subliñou durante a recepción deste vehículo que “será unha ferramenta clave para mellorar a mobilidade e as comunicacións nas zonas rurais do municipio. "Este tractor permitiralle ao Concello de Quiroga contar cun vehículo fundamental para acometer os arranxos das vías rurais, o que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos veciños e a impulsar o desenvolvemento do municipio", afirmou.

Concretamente, a institución provincial destinou 120.000€ ao Concello para a adquisición deste tractor, “un investimento que servirá para reforzar os recursos dos pequenos municipios, como o de Quiroga, facilitando a execución de tarefas de mantemento en camiños locais, mellorando a mobilidade nas zonas rurais  entre as distintas localidades do municipio”, subliñou o mandatario provincial. 

Con esta colaboración, a Deputación continúa apostando por mellorar a infraestrutura dos concellos rurais, contribuíndo ao desenvolvemento local e á mellora dos servizos públicos. O Presidente enmarcou esta colaboración “na cooperación, intensa e continua, que mantemos con todos os concellos da provincia, neste caso co de Quiroga, para que poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. E lembrou o compromiso do Goberno provincial “para facer que a Deputación funcione como un concello grande que axude ao resto de concellos”.