O Presidente clausura en Lugo as III Xornadas de Vacún de Carne centradas na xestión das explotacións
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, clausurou este martes en Lugo as III Xornadas de Vacún de Carne centradas na xestión das explotacións. A cita, que se celebrou no Torre de Núñez e na que participaron uns 300 gandeiros e gandeiras da provincia, contou cunha achega de 15.000€ da institución provincial e reflexionou sobre a situación epidemiolóxica da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) e sobre as perspectivas do mercado de carne de vaca.
“Temos que respaldar ao noso rural. Témolo que facer por responsabilidade económica, pola súa achega ao PIB galego e pola súa capacidade para xerar emprego de calidade”, destacou o mandatario provincial, quen puxo en valor que a provincia de Lugo sexa a primeira produtora de carne, leite e madeira do país e das primeiras no sector da pesca. “O sector primario é o noso músculo”, engadiu Tomé Roca.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foi a encargada de inaugurar esta terceira edición das xornadas que organizou un ano máis a Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA grazas ao apoio económico da Deputación. Na liña do Presidente, García Porto destacou a importancia de apoiar a un sector “fundamental” para a economía, a imaxe e o equilibrio do territorio.
Xunto aos responsables provinciais, participaron tamén nestas xornadas o Secretario de Xeral de Unións Agrarias, Roberto García; e a Subdirectora Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Nieves Ansón, entre outras autoridades.