A Vicepresidencia da Deputación programa 40 espectáculos de “ A Apalpadora” nas próximas tres semanas
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove un ano máis a presenza de tradición propias nas datas de Nadal co espectáculo “A Apalpadora”, que se representará en 40 localidades ao longo deste mes de decembro.
O alumnado dos colexios de Cervo e Rábade acolleron este luns as primeiras representacións deste espectáculo de narración oral e música en directo no que Antía Vázquez – a filla do Apalpador – e o musico André Espiñeira contan ás crianzas a historia deste personaxe do Nadal, transmitida a través da tradición oral, especialmente na zona do Courel e do oriente ourensán, e revitalizada na última década grazas ao impulso de asociacións e colectivos culturais de todo o país.
A deputada Iria Castro explicou que “se trata dunha programación que poñemos en marcha por quinto edición consecutivo desde a Vicepresidencia da Deputación e que reforzamos este ano, tratando de dar resposta ao interese cada vez maior das asociacións de nais e pais e das asociacións culturais, especialmente de concellos e parroquias rurais que buscan ofrecer propostas de ocio para estas datas. O espectáculo representarase en 40 centros educativos e esapzos culturais de todas as comarcas durante este mes, achegando a nenos e nenas esta figura do Nadal galego e a súa historia”
O espectáculo
A filla do coñecido Apalpador toma o relevo do seu pai e baixa das montañas para encontrarse coas crianzas da provincia nun formato de contacontos musicado e interactivo onde se mesturan cantigas, lendas e dinámicas.
Estará acompañada polo seu irmán músico André, para mergullarse con cancións da súa misteriosa historia. Ademais, levará froitos que recolle durante todo o ano e agasallos fabricados por ela mesma para entregar aos nenos e nenas neste Nadal.