Deputación de Lugo

A Deputación colabora cunha nova edición da revista Micolucus que se presentou hoxe en San Marcos

Micolucus
A institución provincial achega 3.500€ para esta publicación que recolle traballos científicos e divulgativos do eido da micoloxía, botánica ou astroturismo e que se distribúe en 15 países distintos e todo o territorio nacional

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, JuliánAlonso, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a undécima edición da revista Micolucus, que conta cunha achega da Deputación de Lugo de 3.500€. Unha publicación que, segundo detallou Rivera Capón, tense convertido “nun referente” para o coñecemento da micoloxía, a natureza e a biodiversidade da nosa provincia.

A entrada á presentación no Salón de Actos da institución provincial foi libre e gratuíta e o acto contou con boa acollida. Os asistentes puideron levar un exemplar da revista que, neste novo número, recolle traballos científicos e divulgativos do eido da micoloxía, a botánica, a ornitoloxía ou o astroturismoe tamén temas como a biodiversidade de zonas serpentiníticasou as orquídeas silvestres da provincia de Lugo. A revista distribúese en todo o territorio nacional e internacionalmente en 15 países distintos.

A Sociedade Micolóxica Lucus forma parte dos órganos de participación das Reservas da Biosfera do Miño e Ancares, xestionadas pola Deputación de Lugo. Fundouse en 2001 pola iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía e cos obxectivos de fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos de micoloxía.