A Deputación achega 105.000€ a Trabada para un circuíto de pump track e o arranxo de varias estradas
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co Alcalde de Trabada, Rubén García Freije, través do que a institución provincial achega 105.000€ para impulsar a creación de novas instalacións deportivas e mellorar varias vías municipais.
José Tomé afirmou que institución provincial renova esta colaboración no marco do seu compromiso de cooperación cos concellos da provincia, especialmente aqueles de menor tamaño, como é o caso de Trabada. A Deputación, como institución clave para o desenvolvemento territorial, detallou o mandatario provincial, ten como razón de ser apoiar aos municipios na prestación de servizos e na realización de proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza. Grazas a estas colaboracións, os concellos máis pequenos poden acometer actuacións que, pola súa limitada capacidade económica, serían difíciles de levar a cabo en solitario, garantindo así a igualdade de oportunidades e o acceso a mellores infraestruturas e servizos para todos os seus veciños e veciñas.
Un circuíto de pump track
A principal partida do financiamento destinarase á construción dun circuíto de pump track para bicicletas e monopatíns, unha infraestrutura que se localizará no complexo deportivo de Santa María, entre o colexio e a piscina municipal. Esta nova instalación ocupará unha superficie de aproximadamente 600 m² e estará rodeada por outras dotacións deportivas existentes, como unha pista de pádel, unha pista multideporte, unha tirolina e un campo de bolos celtas.
O proxecto incluirá a limpeza e preparación do terreo mediante desbroce e retirada de materiais sobrantes; a creación dunha base sólida con capas de formigón armado e materiais seleccionados para garantir a durabilidade da instalación e a colocación dun circuíto modular deseñado para permitir a práctica segura deste deporte tanto por principiantes como por usuarios avanzados.
A construción do pump track reflicte o compromiso do Concello de Trabada por fomentar o deporte ao aire libre e promover un estilo de vida saudable entre os seus veciños, ademais de ampliar as actividades dispoñibles para a mocidade.
Mellora de vías municipais en Sante e Vilaformán
Outra parte da achega da Deputación financiará proxectos de acondicionamento viario que mellorarán a conectividade nas parroquias de Sante e Vilaformán.
Por unha banda, vaise actuar nos accesos a Pena Quente, na parroquia de Sante, cunha pavimentación dun tramo de 356 metros de lonxitude e un ancho entre 3,2 e 4 metros, ao tempo que tamén se vai actuar nun ramal de 70 metros que presenta deterioro polo paso do tempo.
Por outra banda, na parroquia de Vilaformán, acometerase a mellora dos accesos a Vilaxuá e A Igrexa. No acceso a Vilaxuá pavimentarase o camiño con formigón armado, instalaranse sistemas de drenaxe e construírase un murete de contención dun metro de altura para garantir a estabilidade do terreo nas zonas con pendente. Así mesmo, no vial de acceso á Igrexa renovarase o firme tras corrixir as deformacións existentes, e limparanse as cunetas para optimizar a evacuación da auga.