Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación destina máis de 10.000 € a ALUCEM para mellorar a vida de 86 persoas con esclerose múltiple na provincia

JOSE TOMÉ
ALUCEM
Esclerose Múltiple
O Presidente e o responsable do colectivo asinaron un acordo de colaboración no
Pazo de San Marcos a través do que o institución provincial contribúe a que o colectivo poida desenvolver o programa de atención integral en esclerose múltiple

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou copresidenteda Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), Pablo Miranda Lage, un convenio de colaboración por un importe superior a 10.000€co obxectivo demellorar a calidade de vida dos 86 usuarios e usuarias que padecen esta enfermidade na provincia. Esta achega permite á entidade desenvolver o seu programa de atención integral en esclerose múltiple, que se centra na mellora da autonomía e benestar das persoas afectadas por esta enfermidade e fibromialxia a través de sesións de fisioterapia e neurorehabilitación.

José Tomé subliñou a importancia de continuar ofrecendo este servizo e destacou o compromiso da Deputación co tecido social da provincia, afirmando que "desde a institución provincial sempre apoiamos as iniciativas que melloran a calidade de vida das persoas máis vulnerables”. Con esta nova colaboración con ALUCEM,“damos un paso máis no apoio ás persoas afectadas por esclerose múltiple, garantindo que poidan acceder a servizos fundamentais para mellorar a súa autonomía e benestar". Destacou ademais que “seguiremos apoiando a estas entidades para que poidan seguir desenvolvendo os seus programas, que son claves para mellorar a vida das persoas da nosa provincia”.

O programa de ALUCEM ofrece sesións de fisioterapia que traballan aspectos fundamentais como a mobilidade, o equilibrio e a forza muscular, favorecendo a autonomía persoal. Ademais, o proxecto inclúe apoio social a través dun traballador social que realiza unha valoración das necesidades individuais, coordina os recursos terapéuticos e proporciona orientación tanto ás persoas afectadas como ás súas familias. Este enfoque integral e adaptado permite unha atención máis completa e eficaz, mellorando a vida das persoas usuarias e tamén aliviando a carga das súas coidadoras.

ALUCEM foi creada no ano 1996 por un grupo de persoas interesadas en mellorar o coñecemento e a investigación sobre a esclerose múltiple. Desde entón, a asociación ten como obxectivo principal ofrecer un proceso rehabilitador ás persoas afectadas, mellorar o seu benestar e promover un estilo de vida activo. Na actualidade, ALUCEM atende a 86 usuarios, na maioría mulleres, e continúa traballando para mellorar a calidade de vida deste colectivo.

A esclerose múltiple é unha enfermidade autoinmune que afecta o sistema nervioso central e cuxa causa segue sendo descoñecida. Os factores xenéticos involucrados aínda están por identificar. O diagnóstico adoita realizarse entre os 18 e os 40 anos e presenta síntomas como neurite óptica, fatiga e perda de sensibilidade, que se manifestan en forma de brotes. Nos últimos anos, os tratamentos avanzaron de xeito significativo, incluíndo inmunosupresores e terapias innovadoras como o transplante de medula ósea.