A Deputación renova a colaboración co Consorcio da Ribeira Sacra nun ano determinante para a candidatura do territorio a Patrimonio da Humanidade
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o máximo responsable do Consorcio da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, veñen de asinar no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración anual entre ambas entidades. Un acordo polo que a institución provincial achega, un ano máis, 25.000€ para axudar cos gastos de promoción e comercialización conxunta do destino Ribeira Sacra.
“Renovamos o noso compromiso nun ano determinante para a candidatura do territorio a Patrimonio da Humanidade”, sinalou Tomé Roca. Destacou o mandatario provincial que esta colaboración servirá ao Consorcio para sufragar un ano máis o desenvolvemento da súa actividade, que se concreta na xestión de fondos públicos para desenvolver tarefas destinadas a potenciar o sur da provincia como destino turístico.
Entre as diferentes accións levadas a cabo polo Consorcio da Ribeira Sacra este ano, unha das prioritarias foi precisamente a participación nos diferentes trámites da candidatura a Patrimonio da Humanidade, asumindo funcións e partidas do plan de xestión de paisaxe cultural do territorio.
Valorou o Presidente esta achega no contexto da candidatura da UNESCO, reformulada este ano entorno a auga e lembrou a implicación total da Deputación desde o primeiro momento para a consecución desta distinción internacional. Recordando ademais que foi a propia Deputación, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, a que liderou no ano 2011 unha campaña de mobilización institucional e social con este fin.