251 ganderías reciben axudas da Vicepresidencia da Deputación para a recría de xatas de Raza Rubia Galega nas propias granxas
251 ganderías recibirán as axudas do programa Marela! da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, enfocado en dar apoio á recría de xatas de Raza Rubia Galega na granxa de nacemento.
A maioría das granxas beneficiarias destas achegas, que oscilan entre os 400 e os 2.400 euros, concéntranse nas comarcas de Sarria -especialmente nos concellos de Láncara, Paradela e Triacastela –, dos Ancares -especialmente nos concellos de Baralla, Cervantes, Pedrafita e Becerreá – , de Lugo – especialmente nos concellos de O Corgo, Friol e Castroverde – e Fonsagrada – nos concellos da Fonsagrada e Baleira - .
As achegas vincúlanse ás femias reprodutoras, cun importe de 400 euros por cada becerra que tivera un parto antes dos dous anos e medio (30 meses), ata un máximo de 6 animais por granxa, e suman un importe total de 192.000 euros, atendéndose todas as solicitudes que cumpriron cos requisitos establecidos nas bases.
O deputado Daniel García valorou “o programa que lanzamos por primeira vez desde a área de Rural para contribuír á promoción da Raza Rubia Galega, cunha convocatoria anual coa que procuramos axilizar os tramites de solicitude e pagamento e á que daremos continuidade tamén este ano, para apoiar o traballo de recría de gandeiras e gandeiros, que manteñen un patrimonio xenético e un sistema de manexo e de alimentación tradicionais”.
Neste sentido, subliñou que “o mantemento desta riqueza gandeira é imprescindible para o desenvolvemento sustentable das áreas rurais e para a fixación de poboación no medio rural, producindo alimentos de calidade”.
A resolución definitiva e completa pode consultarse no Boletin Oficial da Provincia do 30 de decembro. O programa Marela! dá continuidade á liña plurianual xestionada pola área de Rural entre 2019 e 2023, simplificando o procedemento administrativo e axilizando o trámite e o pago de xeito individualizado a cada gandería beneficiaria.