O Pazo de San Marcos, escenario en Galicia para a presentación da Axenda de Mulleres 2025
- A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, moderará o evento no que tamén participarán a cofundadora desta Plataforma, Rafaela Pastor, e a exsecretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara
- A entrada é libre ata completar aforo e os asistentes recibirán como agasallo un exemplar desta publicación que vai dedicada á IV Conferencia Mundial das Mulleres, celebrada no 1995 en Pequín
O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá este venres, 31 de xaneiro, ás 19:00 horas, a presentación da Axenda de Mulleres 2025, a publicación que elabora a Plataforma Andaluza de Apoio ao Lobby Europeo desde o ano 1998. A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, moderará o evento no que tamén participarán a cofundadora desta Plataforma, Rafaela Pastor, e a exsecretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara. A entrada é libre ata completar aforo e as persoas que asistan recibirán como agasallo un exemplar da axenda.
Nesta edición, a Axenda Mulleres 2025 vai dedicada a conmemorar o trixésimo aniversario da IV Conferencia Mundial das Mulleres, celebrada en Pequín no ano 1995, e que marcou un importante fito en materia de igualdade de xénero. A Declaración e Plataforma de Acción de Pequín estableceu unha serie de obxectivos estratéxicos e medidas para o progreso das mulleres e o logro da igualdade de xénero en 12 esferas diferentes: a violencia contra a muller, o medio ambiente, as nenas, a saúde, ou a pobreza, entre outras cuestións.
Ademais, a publicación, tamén recolle un artigo de Marisol Morandeira onde sinala que “para desmontar o patriarcado seguimos necesitando recursos económicos, persoais, formativos, e en definitiva funcionais”. Neste senso, a Deputada fai referencia no texto a que “a transversalidade nas políticas de igualdade non é un luxo, senón unha necesidade e non hai transversalidade sen compromiso de todas as administracións. Desde as Deputacións pódese propoñer, impulsar e avaliar a situación provincial, así como coordinar, colaborar e apoiar as accións que se promovan desde os concellos”.