A Deputación colabora con Monterroso cedendo ao Concello un tramo urbano da LU-P-3301

- O mandatario provincial recalcou que “con esta xestión damos resposta a unha solicitude do Concello de Monterroso que se aprobou no Pleno Provincial o ano pasado”
O Presidente da Deputación de Lugo vén de asinar a transferencia ao Concello de Monterroso dun tramo urbano da vía provincial LU-P-3301, que une a estrada nacional N-640 coa N-547. Trátase dun tramo de 200 metros de lonxitude que parte desde a intersección coa Avenida de Lugo e vai ata a rúa Álvaro Cunqueiro.
José Tomé Roca recalcou que “con esta xestión damos resposta á solicitude do Concello de Monterroso” e recordou que “o cambio de titularidade aprobouse o ano pasado no pleno provincial”. Nesta liña, o mandatario provincial puxo en valor a importancia desta estrada destacando que se trata dunha das “vías principais que vertebra o municipio e na que se atopan numerosos establecementos de hostalería, comercios e negocios locais”.
Así mesmo, Tomé Roca enmarcou esta actuación no compromiso que mantén a Deputación de Lugo na cooperación cos concellos da provincia e recordou que “esta é unha das nosas liñas de traballo e facémolo para que os municipios poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. Sobre o obxectivo desta cesión destacou que “permitirá realizar unha xestión máis áxil dos servizos municipais e a ordenación do tráfico neste espazo”.