O Centro de Formación Audiovisual da Deputación acolle unha xornada sobre A produción independente galega organizada por AGAPI

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación acolleu este martes unha das xornadas formativas sobre A produción independente galega que organiza a Asociación Galega de Produtoras (AGAPI) co obxectivo de achegar aos futuros profesionais do audiovisual un contacto directo con persoas referentes neste eido.
No caso do centro da institución provincial, os estudantes de Realización e Produción coñeceron de primeira man a experiencia de Suso López, da produtora audiovisual Gaita Filmes, que ten a súa sede no concello lucense de Meira, e de Simone Saibene, de Noveolas Producciones, de Ourense.
Suso López, que impartiu a charla A produción executiva de cine, destacou a importancia das persoas que se encargan de xestionar a parte do financiamento dos proxectos, da relación cos socios e colaboradores, da distribución e de tomar as decisións finais. Segundo apuntou, un produtor executivo debe ser unha persoa con iniciativa e con visión empresarial que ten que involucrase en todos os aspectos relacionados cunha película.
Pola súa banda, Simone Saibene falou de A importancia de contarnos. Na súa intervención, subliñou a necesidade de ter moi clara a historia que se quere contar e de como debe enfrontarse un proxecto a nivel creativo para que a súa execución sexa o máis fluída posible para todo o equipo. Para acadar este obxectivo, animou aos estudantes a que reflexionen, se documenten e teñan en conta o orzamento co que contan á hora de contar a súa historia a través do cine.
Esta xornadas de AGAPI están destinadas ao alumnado das tres universidades galegas e de centros de imaxe e son localizados nas catro provincias. O Centro da Deputación é o único que imparte ensino superior da rama audiovisual na provincia de Lugo.