A Deputación dá a benvida aos 60 participantes do Encontro de Turismo NatureWatch na Mariña Lucense
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este venres no Centro Sociocultural de Barreiros, na inauguración do Encontro de Turismo de Observación da Natureza NatureWatch A Mariña Lucense. Esta cita, que terá lugar ata o domingo e están a participar 60 persoas, céntrase no turismo ornitolóxico, xeolóxico e botánico. No acto de inauguración, tamén participaron a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, e a Vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Ana Hermida Igrexas, entre outras autoridades.
Francisco Cajoto sinalou que “este evento convértese nunha oportunidade única para expertos e afeccionados á natureza, permitindo compartir coñecementos, experiencias e, sobre todo, desfrutar da biodiversidade excepcional da nosa contorna”. O Deputado definiu a Mariña Lucense como un territorio cunha biodiversidade única, onde a convivencia entre o ecosistema mariño, as zonas húmidas, os espazos protexidos e as áreas rurais crean un enclave idóneo para o turismo de natureza de calidade“.
Cajoto Caserío avanzou que esta iniciativa encaixa co “noso modelo de turismo, un turismo que non busca a masificación, senón a calidade; que non persegue o consumo rápido da paisaxe, senón a vivencia pausada e respectuosa do territorio”. Nesta liña, recalcou que “desde a institución provincial, temos claro que o turismo debe ser unha ferramenta para o desenvolvemento sostible. Por iso, estamos e estaremos da man das iniciativas turísticas que promove a Mancomunidade da Mariña Lucense”.
Na programación do Encontro de Turismo de Observación da Natureza NatureWatch A Mariña Lucense inclúense charlas técnicas e divulgativas, saídas de campo guiadas por empresas locais e faladoiros temáticos.