O Presidente destaca o papel clave da UXT nos avances sociais durante a apertura do II Congreso da FESMC Lugo
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no hotel Torre de Núñez na apertura do II Congreso de UGT da Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo (FESMC) Lugo. Fíxoo acompañado do Secretario Xeral da FESMC – UGT Galicia, Eladio Romero Ares, o Secretario Xeral da Unión de UGT Lugo, Lemos e Costa, Ángel Tomé Roca, e o Secretario Xeral da Federación de Industria, Construción e Agro (FICA) de UGT Lugo, Carlos García Vázquez.
Tomé Roca sinalou que “é unha honra para min participar hoxe na apertura deste segundo congreso da UXT FESMC Lugo. Permitídeme dicir que non é só unha honra institucional, senón tamén persoal, porque parte importante da miña vida foi dentro deste sindicato. Sei ben o que significa militar na UXT: traballar polo ben común, defender os dereitos de quen máis o precisa e non baixar nunca os brazos”.
O mandatario provincial fixo referencia na súa intervención aos “enormes retos” da sociedade actual e aos “avances históricos”. Nesta liña, recordou que “cómpre dicilo con claridade: moitos deses avances sociais foron posibles grazas ao goberno de Pedro Sánchez, que soubo escoitar ás forzas sindicais e atendes as necesidades da maioría social deste país”. “Falamos da subida do Salario Mínimo Interprofesional a niveis sen precedentes, que mellorou a vida de centos de miles de traballadores e traballadoras. Falamos da reforma laboral, pactada coas organizacións sindicais, que puxo fin á precariedade e devolveu dereitos arrebatados. Falamos da revalorización das pensións conforme ao IPC, da protección fronte ao desemprego, dos ERTE que salvaron empregos durante a pandemia, ou das políticas de igualdade que colocaron os coidados e a conciliación no centro da axenda pública”, destacou José Tomé.