O Presidente inaugura un foro estratéxico creado pola Deputación, El Progreso e a USC para “reforzar o proxecto do Campus Terra”
“Mantemos un compromiso firme coa universidade pública”, sinalou o mandatario provincial, quen destacou que a de Lugo é a Deputación de España que máis recursos achega “porque cremos na educación como motor de desenvolvemento”
Este encontro celébrase durante a mañá na Escola Politécnica de Enxeñería, está dirixido principalmente ao alumnado, que terá a oportunidade de escoitar a enxeñeiros, catedráticos e colexiados das diferentes especialidades relacionadas co sector primario
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves o foro A túa vocación está na terra: o teu futuro na enxeñaría agrícola e forestal organizado pola institución provincial en colaboración co Grupo El Progreso e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) “co obxectivo de apoiar, visibilizar e reforzar o proxecto do Campus Terra”. Así o explicou no acto da apertura o mandatario provincial, que puxo en valor o impacto da formación e a investigación nos sectores agrícola, gandeiro e forestal.
“O lema que nos convoca ‘A túa vocación está na terra’ encerra unha verdade profunda. Unha verdade que fala do futuro, das oportunidades e tamén da identidade dunha provincia como a de Lugo”, sinalou o Presidente da apertura da cita. “O noso futuro está na terra porque está no coidado do medio ambiente, na aposta por un modelo sostible, e tamén na valorización dos recursos naturais e produtivos do rural. Lugo é unha provincia cunha forte identidade agrícola e gandeira, cun importante sector pesqueiro, e cunha presenza destacada do sector forestal. Durante moito tempo, isto foi así por tradición, por historia. Hoxe tamén o é grazas ao traballo da nosa universidade pública, que investiga, forma e conecta coa realidade produtiva”, engadiu.
Puxo como exemplo o traballo que está a facer a Deputación co Campus Terra na Granxa Gayoso Castro que a institución provincial ten en Castro de Rei. “Un proxecto que nos enche de orgullo e tamén unha mostra de como a Deputación sabe, pode e quere abrir as súas portas ao conxunto da sociedade e aos sectores produtivos”, defendeu. Unhas instalacións nas que fai prácticas o alumnado da universidade e que cualificou como “un laboratorio vivo” que serve tamén para xerar diálogo cos gandeiros e gandeiras da provincia, “mellóranse as razas e conseguimos dar solucións a problemas que ten o sector”. O que ten un impacto directo, “cada euro investido na universidade pública xera entre 4 e 5 euros de retorno para a sociedade”.
Tomé Roca apelou á súa experiencia como profesor na Escola de Capacitación Agraria, “sei da importancia de formar profesionais ligados á terra” e destacou o compromiso “firme” coa universidade pública. “Somos a Deputación que máis recursos achega á universidade pública de toda España, cun apoio decidido ao Campus Terra. Porque cremos na educación como motor de desenvolvemento, de innovación e de futuro”.
“Cada proxecto, cada convenio, cada colaboración co campus busca construír ese futuro desde aquí, desde a provincia de Lugo, xerando oportunidades, retendo talento e poñendo en valor o noso territorio”, reivindicou. Nese sentido, a institución provincial achega 50.000€ para a organización deste primeiro foro especializado.
Un programa completo
A cita contará con diferentes bloques temáticos conducidos polo xornalista Xoán Carlos Vidal Crende. O primeiro deles, a continuación da inauguración a cargo do Presidente da Deputación, enfocado ao alumnado. Participarán nesta parte da xornada Erika Martíñez Carreira, enxeñeira de Montes, Directora Xeral de Foresín, consultora, enxeñeira ambiental e primeira muller co título de resineira en Galicia; Fernando solla-Gullón, enxeñeiro de Montes e xefe de explotacións de FORESGA; Ismael Moeda Doval, enxeñeiro agrícola, gandeiro e profesor de Formación Profesional; e Irene Suárez Fernández, enxeñeira agrónoma, directora do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal de Lugo.
Desde as 11:30 horas será a quenda do profesorado. No que ten que ver co grao Forestal e de Montes contarán coas intervencións de María Josefa Lombardero, catedrática de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría; Ramón Díaz Varela, profesor titular de Botánica; e César Pérez Cruzado, profesor titular de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría. Co que respecta á enxeñaría Agrícola e Agronómica intervirán Cristina Cabaleiro Sobrino, catedrática de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría; Tomás Cuesta García e Javier José Cancela Barrio profesores titulares de Enxeñaría Agroforestal.
Os colexios profesionais de Técnicos Agrícolas, Forestais, Agrónomos e de Montes serán os protagonistas do último bloque que comezará ás 12:15. Pechará a cita, ás 13:00 horas Rosa Romero, a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPS) do Campus Terra da USC.