A Deputación vende en Cervantes tres xovencas na Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña

A Deputación de Lugo participou este sábado na quinta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, celebrada no campo da feira de San Román, no concello de Cervantes. A institución provincial vendeu na poxa celebrada no marco desta feira as tres xovencas preñadas de raza Rubia Galega que levou á feira, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. Os exemplares, con idades comprendidas entre os 22 e os 27 meses, acadaron un prezo medio de 2.900 euros.
Ademais de participar na poxa e na mostra de gando, a institución provincial colabora coa Asociación Territorio Verde na organización desta cita, que se recuperou no ano 2019 co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense.
O evento superou os 200 animais do ano pasado entre o gando vacún, equino, ovino e caprino procedente de ganderías da Fonsagrada, Castroverde, As Nogais, Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes ou Asturias.
A xornada arrincou dende primeira hora da mañá cun amplo programa de actividades: poxa de xovencas, entrega de premios aos mellores exemplares, sorteos, xogos e inchables para os máis pequenos.