O Coñece a túa provincia despide o mes de maio levando de viaxe a máis de 180 veciños e veciñas esta última semana

184 veciños e veciñas dos concellos de Taboada, Lugo, A Fonsagrada, Monforte de Lemos e Sober pechan as rutas do mes de maio do programa Coñece a túa provincia, a iniciativa de viaxes gratuítas que impulsa a Deputación de Lugo dirixida a colectivos sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade. Esta última semana participan oito colectivos lucenses que percorrerán ata o venres A Mariña, a Montaña e a Ribeira Sacra.
Na xornada de onte, a Asociación Veciñal de Santa María de Xián, de Taboada, e a Asociación Provincial de Amas de Casa e de Consumidores, de Lugo, foron as dúas primeiras entidades que participaron esta semana. Os primeiros partiron da Granxa Gayoso Castro para despois achegarse ata a comarca da Mariña, alí visitaron a fábrica de Sargadelos e o Museo do Mar, ente outros lugares. Os segundos comezaron a súa viaxe no Centro de Interpretación Terras do Miño, despois descubriron a aldea de Piornedo, visitaron Navia de Suarna e unha fábrica de embutidos.
Este mércores, o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, recibiu na produtora do Servizo de Audiovisuais da institución provincial aos membros da Asociación Local de Pensionistas e Xubilados da Fonsagrada que, tras coñecer as diferentes competencias deste servizo, continuaron ata a comarca mariñá. Alí visitarán o casco antigo de Viveiro e as principais praias do Vicedo. Nesta mesma xornada, a Asociación de Veciños Barrio de Cobas, de Monforte de Lemos, coñecerá tamén A Mariña tras iniciar o percorrido no Mazo de Santa Comba.
O xoves, a Asociación de Veciños de Ribasaltas, de Monforte de Lemos, comezarán a viaxe no Centro de Interpretación Terras do Miño e logo viaxarán ata o municipio de Mondoñedo. Por outra banda, os integrantes do Club Montaña Terras de Burón, da Fonsagrada, partirán do Mazo de Santa Comba e despois descubrirán os encantos da zona de Sober, na Ribeira Sacra. aglo
As rutas desta semana rematarán o venres coa Asociación de Veciños de Orbazai, de Lugo, e a Asociación de Veciños de Bolmente, de Sober. Os primeiros comezarán no Centro de Interpretación Terras do Miño, farán un percorrido en catamarán polo Canón do Sil e visitarán unha igrexa románica. Mentres que os segundos coñecerán o Pazo de San Marcos e logo visitarán o municipio de Viveiro.
O programa Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.