O Presidente participa no minuto de silencio en lembranza da moza falecida en Burela e nos actos na honra á Virxe do Carme

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este sábado, xunto á Alcaldesa de Burela e Deputada provincial, Carmela López Moreno, nos minutos de silencio gardados diante da Casa Consistorial e antes da misa na honra á Virxe do Carme, en lembranza da moza falecida no tráxico accidente acontecido o venres no recinto feiral da vila.O mandatario provincial trasladou persoalmente, en nome da institución provincial, as súas máis sentidas condolencias, así como o seu desexo dunha pronta recuperación para as persoas feridas.
A continuación Tomé Roca asistiu á misa na igrexa parroquial e, posteriormente, participou na tradicional procesión ata o altar instalado na Nave de Redes do Porto. O percorrido realizouse sobre a alfombra floral elaborada polos veciños e veciñas da localidade, que este ano rende homenaxe á gastronomía e á figura do artista Xosé Vizoso.
No acto tamén estiveron presentes o Presidente da Confraría de Pescadores, Basilio Otero; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e membros da corporación municipal, entre outras autoridades.