O Presidente destaca o papel da muller como motor económico do rural na inauguración dunha xornada organizada por FADEMUR en Monforte
“Por desgracia vivimos tempos nos que a igualdade volve estar en cuestión. Escoitamos discursos que nos queren convencer de que xa está todo feito, pero desde aquí dígoo alto e claro: non imos retroceder nin un paso atrás”, subliñou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou este sábado no Restaurante Don Manuel de Monforte de Lemos na inauguración da xornada Apoderadas: o rural tamén é noso, un encontro organizado pola Federación de Asociación de Mulleres Rurais (FADEMUR) para abordar o emprendemento feminino no rural. Nesta cita, que se desenvolverá ao longo de todo o día e que conta coa colaboración da institución provincial, están a participar preto de 300 mulleres chegadas de diferentes puntos de Galicia.
No acto de inauguración, o mandatario provincial estivo acompañado pola presidenta de FADEMUR – España, Teresa López López, a presidenta de FADEMUR – Galicia, Verónica Marcos Arrojo, e o secretario xeral de Unións Agrarias – UPA, Roberto García González.
José Tomé destacou que “no rural tamén se constrúe igualdade, tamén se resiste, tamén se lidera se transforma e isto faise cada día en silencio ou en colectivo: desde as granxas, os mercados, as asociacións, as familias e os concellos pequenos”. Fixo referencia tamén a que “vivimos tempos nos que a igualdade volve estar en cuestión, escoitamos discursos que nos queren convencer de que xa está todo feito, pero desde aquí dígoo alto e claro: non imos retroceder nin un paso atrás. A igualdade é un dereito e defendela -sobre todo no rural, é un acto de dignidade e de compromiso co presente e co futuro”.
“Como Presidente da Deputación e como Alcalde, quero dicirvos que non pode haber futuro sen un rural vivo e feminista. Non é un slogan. É unha necesidade e unha obriga. Un rural con servizos públicos, con internet, con transporte digno, con escolas públicas e con centros de saúde con médicos. Ese é o rural no que cremos desde a Deputación de Lugo e neste camiño, vós sodes o motor”, recordou Tomé Roca.
O mandatario provincial agradeceu o “traballo constante” de FADEMUR, unha entidade á que a institución provincial achega 50.000 euros para colaborar co programa Empoderamento da Muller no Rural, unha iniciativa que inclúe varios servizos que abordan necesidades específicas como a información e a orientación gratuíta sobre a violencia de xénero, o emprego e axudas ou subvencións, entre outras cuestións.
Apoderadas: o rural tamén e noso
Tras o acto de apertura, celebrouse unha mesa redonda na que participaron: a presidenta do Foro Feminista de Lugo, Carmen Díaz, a produtora de vacún de leite, Iria Campo, a fundadora de Esencia Viva, Noelia Solar, a propietaria de Sacrapastas, Tamara Castro, a agrónoma Sonia Expósito e a xornalista de ONDA CERO Monforte, Manola Porto, que moderou o coloquio.
A continuación, a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Rosa Romero, impartiu unha conferencia e tras o correspondente debate, pechou a xornada da mañá a Tenente Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada Rodríguez, e a secretaria xeral e directora de proxectos de FADEMUR – Galicia, Rosa Arcos. As actividades continuarán ao longo desta tarde e o encontro rematará ás 19:00 horas.