A Deputación achega máis de 20.000€ á celebración da VIII Romaxe Viquinga do Vicedo o 26 de xullo

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este mércores na presentación da VIII edición da Romaxe Viquinga do Vicedo 2025, que se celebrará este ano o 26 de xullo. No acto, que se desenvolveu na Casa da Cultura do municipio mariñán, sinalou que a Deputación de Lugo achega máis de 20.000€ para esta festa que recrea na praia de Area Grande o desembarco normando e a loita contra as tropas do rei Ramiro I na praia de Area Grande.
“A Romaxe Viquinga do Vicedo é unha homenaxe á nosa historia e á nosa identidade costeira, á nosa relación ancestral co mar, coas invasións, cos encontros e desencontros culturais que nos foron conformando como pobo”, sinalou Cajoto. “Un evento que conxuga memoria e creatividade, tradición e futuro”, engadiu.
Destacou que a institución provincial apoia esta iniciativa a través do Plan Deputación, “unha ferramenta que nos permite estar ao carón dos concellos e dos veciños e veciñas. Porque entendemos que o patrimonio non está só nos museos, senón tamén nas festas, nos contos, nos ritos que nos reúnen arredor dunha idea común”.
Participaron tamén na presentación o Alcalde do Vicedo, José Novo; Quique Bruxo Queiman, artista da compañía encargada das actividades da romaxe; e Andrea Pousa, cantante da compañía Queiman e Pousa; entre outras autoridades. Como cada ano, a romaxe contará con espectáculos históricos, combates, música e actividades para todos os públicos.