O Presidente e a Alcaldesa de Burela acompañan aos Reis de España na súa visita á localidade pesqueira

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Burela e Deputada Provincial, Carmela López Moreno, recibiron este martes aos Reis de España, Don Felipe VI e Dona Letizia, no marco da súa visita institucional á localidade mariñá que conta cun dos principais portos de Galicia, onde a actividade pesqueira aporta o 19% do seu PIB.
O mandatario provincial acompañou as súas maxestades durante a visita na que coñeceron a fondo o mundo do mar e da pesca tradicional desta vila da Mariña Lucense, e a actual situación do sector da man dos profesionais da Confraría de Pescadores. Os Reis de España percorreron tamén a nave das redeiras onde se achegaron a este oficio no que traballan 5.000 mulleres en España, 4.000 delas galegas e 600 de Burela. A continuación, Don Felipe e Dona Letizia tiveron a ocasión de coñecer o Barco-Museo Boniteiro Reina del Carmen que recibe a máis de 4.000 visitantes ao ano, e mantiveron un encontro con armadores, patróns e mariñeiros na lonxa do porto burelés, onde asistiron a unha descarga do bonito que está en plena campaña e unha simulación dunha poxa de peixe.
Tras a visita ao porto, a comitiva desprazouse ata o Concello, onde foron recibidos pola Corporación Municipal e asinaron no Libro de Honra, así mesmo a Alcaldesa de Burela fíxolles entrega como agasallo institucional dunha figura de cerámica realizada pola Fundación Eu Son. O acto institucional concluíu cun encontro co equipo de fútbol sala feminino, o Burela FS, que recentemente se proclamou campión da Copa da Raíña por sétima vez consecutiva.
Na visita tamén estiveron presentes o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o Patrón Maior de Burela, Basilio Otero; a Secretaria da Confraría de Pescadores, Diana Durán.
