A Deputación clausura o curso do Centro de Formación Audiovisual coa entrega de diplomas á 21ª promoción

A Gala de Graduación, á que asistiron familiares e amigos, estivo inspirada no Studio Ghibli e incluíu a estrea dun videoclip de Jade4 elaborado como práctica polos novos graduados
O Deputado destacou o gran momento do audiovisual galego, con Oliver Laxe como gran referente, e animou aos novos graduados a que “sexades parte desa nova xeración chamada a seguir transformado o sector e a facelo crecer desde Galicia”
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, clausurou este martes o curso 2024/2025 do Centro de Formación Audiovisual da Deputación (CFA) coa entrega de diplomas á 21ª promoción de graduados en Realización e Produción. A Gala, á que asistiron familiares e amigos, estivo inspirada no Studio Ghibli e foi organizada e realizada polo alumnado de primeiro.
Rivera Capón destacou que “este é un día importante para os novos graduados do noso centro, pero tamén para a Deputación, que ve como se consolida un proxecto formativo que leva xa 21 anos formando a profesionais do audiovisual, un sector que está en constante evolución e necesita persoas preparadas, creativas e versátiles”.
Neste sentido, subliñou o esforzo económico que fai a institución provincial para garantir unha formación pública e de calidade, e lembrou que xa está aberto, ata o 4 de xullo, o prazo de solicitude de matrícula, “que volverá ser gratuíta, unha decisión que reafirma o noso compromiso coa igualdade de oportunidades e co futuro da mocidade da nosa provincia”.
Completarase a implantación da nova Lei da FP
Na súa intervención, o Deputado Provincial subliñou que se deu un paso importante neste curso para implantar a nova Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional. “Comezouse en 1º de Realización e Produción, e o vindeiro ano académico completarase o proceso coa adaptación tamén en 2º. A nova FP inclúe contidos actualizados, módulos sobre dixitalización, inglés técnico ou sustentabilidade, e sobre todo, prácticas máis longas e flexibles, para garantir unha mellor conexión entre a formación e a realidade do sector”, sinalou Pablo Rivera.
Gran momento do audiovisual galego
Por outra banda, Rivera Capón destacou “o momento de crecemento e recoñecemento que está vivindo o sector audiovisual galego, “que na nosa provincia ten un claro referente: o cineasta Oliver Laxe, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes, un dos máis prestixiosos do mundo. O éxito de Laxe é a demostración de que, con talento, traballo e unha boa formación, se pode chegar moi lonxe, tamén dende Lugo e dende o noso rural”. Animou aos graduados na andaina que comezan agora e díxolles que “sodes parte desa nova xeración chamada a seguir transformando o sector, e a facelo crecer desde Galicia”.
A Gala, celebración e práctica en escenario real
A Gala deste ano, que se celebrou nos xardíns do CFA, estivo inspirada no Studio Ghibli, considerado pola crítica especializada como un dos mellores estudos de animación do mundo. Con motivo do 40 aniversario da súa fundación, os alumnos e alumnas de 1º de Produción elixiron algunhas das súas películas máis recoñecidas e contaron coa colaboración do pianista Luis Monsalve, que tocou bandas sonoras de filmes do estudo xaponés. Ademais, un dos momentos máis especiais da gala foi a estrea do videoclip que fixeron os novos graduados xunto ao grupo Jade4, un exemplo máis dunha práctica nun escenario real.
O Deputado felicitou aos estudantes de primeiro, encargados de organizar esta celebración. “O resultado fala por si mesmo: unha gala emocionante e profesional, froito dun gran traballo en equipo. Desde a idea inicial ata a execución final, pasando pola produción e a realización”.