A Deputación executa un novo muro de sostemento en Gradín para garantir a seguridade viaria en Láncara

A Deputación de Lugo vén de rematar unha actuación na estrada provincial LU-P-2704, ao seu paso polo lugar de Gradín, no concello de Láncara, cun investimento de 45.375 euros. Os traballos consistiron na execución dun novo muro de sostemento e na renovación da infraestrutura de drenaxe transversal, co obxectivo de garantir a estabilidade da calzada e mellorar a seguridade viaria nun treito que presentaba serias deficiencias estruturais.
O Deputado de Promoción Económica e Social e Alcalde en funcións de Láncara, Pablo Rivera Capón, desprazouse ata a zona para comprobar o resultado dos traballos, acompañado do concelleiro de Medio Rural, Servizos Públicos básicos e Mobilidade, José Manuel García Aldegunde. Rivera Capón destacou que esta obra “responde a unha necesidade real da veciñanza, nunha vía de uso frecuente que conecta varios núcleos rurais do concello e que presentaba riscos para a circulación. A actuación da Deputación permite restaurar a seguridade e garante unhas comunicacións viarias axeitadas no rural deste municipio”.
As obras executáronse entre os puntos quilométricos 4,650 e 4,690 da estrada LU-P-2704, que comunica o núcleo de Veiga de Anzuelos, na parroquia de Vilarello, coas parroquias de Trasliste e Bande. O tramo presentaba unha situación comprometida por mor do colapso dun tubo de drenaxe de 40 centímetros de diámetro, o que provocaba filtracións de auga que afectaban ao terreo e á estrutura da vía.
Debido a esta situación, resultaba inviable acometer unha simple reparación, polo que se optou por substituír completamente o sistema de drenaxe transversal. Para iso, foi necesario cortar e demoler o firme na zona afectada, retirar o tubo existente e construír unha nova base de formigón sobre a que se instalou unha nova canalización. Sobre esta infraestrutura acometeuse tamén a compactación do recheo necesario para recuperar a rasante da vía.
Un dos elementos máis destacados da intervención foi a construción dun novo muro de sostemento con escollera, tanto na zona onde se produciu a rotura do bordo da calzada como noutro punto onde se detectou unha importante erosión do terraplén. Estes muros permiten asegurar a estabilidade da estrada, evitar desprendementos e dar continuidade á plataforma viaria sen riscos para os vehículos.
Completáronse os traballos coa reposición do firme, mediante a reconstrución da capa de rodaxe para homoxeneizar o pavimento, así como coa reinstalación das barreiras de seguridade necesarias para garantir a contención de vehículos nos puntos máis sensibles.
A intervención supón unha mellora substancial para a seguridade viaria da veciñanza de Láncara, e en particular dos habitantes das parroquias de Vilarello, Trasliste e Bande, que empregan esta vía como acceso habitual aos seus domicilios, explotacións agrarias e servizos básicos.
As actuacións foron financiadas integramente pola Deputación Provincial de Lugo, e forman parte da política de mantemento, conservación e mellora da rede de estradas provinciais, que supera os 4.200 quilómetros e que ten un papel fundamental na vertebración do territorio e no impulso do rural.