A Deputación apoia con 12.000€ a AFA Viveiro para desenvolver un programa de estimulación dirixido a persoas con deterioro cognitivo leve
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración con José Amador Fernández Pérez, representante da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras demencias de Viveiro (AFA Viveiro), para apoiar con 12.000 euros o desenvolvemento dun programa de estimulación e mantemento cognitivo destinado a persoas con deterioro cognitivo leve.
A sinatura tivo lugar na Sala de Xuntas da Deputación e enmárcase dentro da liña de cooperación da institución provincial co tecido asociativo da provincia, en especial con entidades que traballan pola atención social, o benestar das persoas maiores e a igualdade de oportunidades.
“O traballo que realiza AFA Viveiro é fundamental para dar resposta a unha necesidade crecente na Mariña lucense: acompañar ás persoas que inician un proceso de deterioro cognitivo e ás súas familias, ofrecendo atención terapéutica e humana. Este programa é un exemplo claro do que entendemos por compromiso social desde a Deputación”, afirmou José Tomé.
Segundo a entidade, na comarca da Mariña hai máis de 1.400 casos de Alzheimer e outras demencias diagnosticados nos últimos 15 anos, dos cales 170 foron recoñecidos só no concello de Viveiro desde 2012. O obxectivo de AFA Viveiro é darlles ás persoas afectadas ferramentas para ralentizar o deterioro e manter a súa autonomía, especialmente nunha contorna rural con escasa oferta de recursos especializados.
Un programa anual con base científica e atención personalizada
O programa que se desenvolverá grazas a esta achega ten unha duración anual, de xaneiro a decembro de 2025, e inclúe sesións de traballo cinco días por semana, tanto en horario de mañá como de tarde. A metodoloxía combina intervencións individuais e grupais, cun enfoque centrado na persoa, a súa realidade e capacidades.
As actividades abranguen a estimulación de diferentes áreas cognitivas: memoria, linguaxe, orientación, atención, cálculo mental, percepción sensorial e funcións executivas. Utilízanse tamén técnicas mnemotécnicas, validación emocional e traballos de reminiscencia, baseados en evidencias científicas sobre a plasticidade cerebral e a eficacia do adestramento cognitivo na terceira idade.
O taller busca, ademais, fomentar a socialización, previr o illamento e mellorar o estado de ánimo das persoas participantes, que en moitos casos acoden ao recurso derivadas polos seus propios familiares ou centros de saúde ante os primeiros síntomas de perda de memoria.
AFA Viveiro
AFA Viveiro ten a súa sede nos claustros de San Francisco, en Viveiro, e presta servizo á poboación do municipio e dos concellos limítrofes.
Con este convenio, a Deputación de Lugo reafirma a súa aposta por garantir o acceso equitativo a servizos sociosanitarios de calidade, tamén nas zonas máis afastadas dos grandes centros urbanos. Un apoio que non só contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, senón tamén a reforzar o papel das entidades sociais que sustentan a cohesión e a atención no rural.