Deputación de Lugo

O Presidente destaca a “dimensión internacional” do Encontro de Torneiros da Madeira de Xermade na presentación desta cita que se celebrará do 19 ao 21 de setembro

José Tomé Roca
Encontro Internacional de Torneiros da Madeira
Presentación do Encontro de Torneiros de Xermade
A Deputación de Lugo impulsa un ano máis este evento cunha achega económica de case 10.000€ e a impresión de 600 exemplares dun libro editado con motivo do 25 aniversario desta cita

José Tomé Roca avanzou que “este evento representa o mellor do que somos como provincia: un territorio orgulloso das súas raíces, comprometido coa súa cultura e capaz de proxectarse ao mundo desde o corazón do rural”

A programación inclúe obradoiros a cargo dos profesionais Jean François Escoulen, Carlyn Lindsay, Aitor Martínez, Adrián Pena e Lolo Castro; a exhibición de pezas e a XVII Exposición CONtornos, entre outras actividades

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na Biblioteca Municipal de Xermade na presentación do XXV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, a cita que se celebrará do 19 ao 21 de setembro no polideportivo deste municipio chairego e que contará coa participación de reputados profesionais do mundo da tornería. A institución provincial colabora un ano máis con este evento realizando unha achega económica de preto de 10.000€ e a impresión de 600 exemplares dun libro que se realizou polo 25 aniversario desta cita.

José Tomé Roca destacou que “este evento representa o mellor do que somos como provincia: un territorio orgulloso das súas raíces, comprometido coa súa cultura e capaz de proxectarse ao mundo desde o corazón do rural. Quero destacar, como sempre, a dimensión internacional do Encontro, que nesta edición volverá contar con artesáns e artistas doutros países. Esa diversidade é unha riqueza que fortalece o evento, amplía horizontes e sitúa a Xermade como un punto de encontro entre tradicións e culturas diversas”. 

O mandatario provincial recalcou que “colaboramos con esta cita a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, unha ferramenta clave para apoiar iniciativas que nacen da propia realidade do territorio. Tamén o facemos apoiando directamente ao colectivo de torneiros, contribuíndo á edición dun libro que recolle a historia deste oficio en Xermade, os seus protagonistas, a evolución do Encontro ao longo das décadas, e o valor inmenso que representa esta tradición para a nosa cultura e para o noso futuro”, rematou José Tomé.

Ao acto de presentación desta cita tamén asistiu o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas e a Xerente da Fundación de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, entre outras autoridades. A programación, que dará comezo o 19 de setembro ás 10:30 horas, inclúe obradoiros a cargo dos profesionais Jean François Escoulen, Carlyn Lindsay, Aitor Martínez, Adrián Pena e Lolo Castro; exhibición de pezas dos participantes do Encontro e a XVII edición da Exposición CONtornos.