A Deputación participa en Palas na presentación do selo dedicado á Igrexa de Vilar de Donas

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas no Concello de Palas de Rei na presentación do selo de Correos dedicado a esta xoia do románico galego declarada Ben de Interese Cultural. No acto, Pilar García Porto puxo en valor esta iniciativa como “un recoñecemento ao valor artístico, histórico e simbólico dun referente patrimonial da comarca da Ulloa e da provincia de Lugo”, e sinalou que contribuirá a “proxectar e divulgar a riqueza do románico lucense, un estilo que desde a Deputación estamos a promocionar pola súa importancia cultural e turística”. O selo forma parte da serie filatélica Camiño de Santiago. Patrimonio Mundial, que en 2025 inclúe só dous monumentos en toda España: a Igrexa de Vilar de Donas e a Porta do Revellín, en Logroño.
