Deputación de Lugo

O Presidente e o Reitor da USC inauguran na valgada unha gaiola de drons que suporá un impulso para a investigación e a formación do Campus de Lugo

José Tomé Roca
USC
Visita gaiola de drons
A creación desta infraestrutura enmárcase dentro do convenio de colaboración que manteñen ambas institucións para manter o Campus de Lugo como un referente académico e para o cal a Deputación de Lugo achega 370.500€

“A gaiola de drons representa a recuperación intelixente dun espazo estratéxico no corazón do campus, que agora cobra nova vida como centro de aprendizaxe práctica, investigación aplicada e resposta directa ás demandas do sector agroforestal”, avanzou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, inauguraron este xoves no entorno da valgada do Campus de Lugo a gaiola de drons, a nova infraestrutura que suporá un importante impulso para a investigación, a formación e a calidade docente do Campus de Lugo que xa está en funcionamento. Este proxecto pretende cubrir unha necesidade do Campus tras a implantación de novas titulacións, como o Grao en Robótica ou o mestrado Universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados. Así os alumnos e alumnas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría poderán realizar prácticas de drons garantindo as máximas condicións de seguridade. 

José Tomé Roca recordou que a valgada é un terreo de titularidade provincial que a Deputación ten cedido ao Campus para o seu uso educativo e avanzou que “a gaiola de drons é un proxecto que simboliza como se pode poñer a tecnoloxía ao servizo da formación, da innovación e do desenvolvemento do noso territorio e que representa tamén unha recuperación intelixente dun espazo estratéxico no corazón do campus, que agora cobra nova vida como centro de aprendizaxe práctica, investigación aplicada e resposta directa ás demandas do sector agroforestal”. 

“A gaiola de drons permitirá que o alumnado do Campus Terra se forme en condicións reais no manexo desta tecnoloxía, cada vez máis presente no mundo rural. Falamos de aplicacións en agricultura de precisión, vixilancia forestal, prevención de lumes, control de cultivos ou conservación ambiental. É dicir, de usos que melloran a produtividade, a sustentabilidade e a calidade de vida no rural. E aquí, na provincia de Lugo, formamos aos profesionais que van liderar ese cambio”, destacou Tomé Roca. 

Pola súa banda, o Reitor da USC, Antonio López Díaz, agradeceu o apoio económico da institución provincial e destacou que a maiores das diferentes proxeccións formativas que terá esta infraestrutura tamén suporá un importante impulso para os “equipos de investigación que están traballando en programación e deseño de aeronaves non tripuladas e que agora contan cun espazo onde poden probar as súas propostas. En definitiva, esta gaiola de drons reforza a oferta educativa e a oferta investigadora do Campus”. 

A este acto de inauguración tamén asistiu o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a Vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, Mª José López Couso; o Vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a Directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Rosa Romero Franco; e profesores e profesoras do Campus de Lugo. 

Formación, investigación e calidade docente


Este novo espazo, duns 450 metros cadrados e 10 metros de altura, permitirá que os alumnos e alumnas do Campus, especialmente os da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, poidan adquirir experiencia real en voos, configuración e control de drons. Tamén facilitará o desenvolvemento dos traballos fin de grao e fin de mestrado relacionados con tecnoloxías avanzadas de navegación aérea, visión por computador ou control autónomo, consolidado unha contorna de aprendizaxe innovadora e aliñada coas demandas do sector tecnolóxico. Ademais, esta gaiola de drons contribúe á calidade docente ao permitir que o profesorado poida estar conectado cos últimos avances tecnolóxicos. 

O compromiso da Deputación coa excelencia educativa


Este proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración entre ambas institucións e no que a Deputación de Lugo realiza unha achega económica anual de 370.500€ para impulsar a excelencia formativa deste Campus e mantelo como un referente académico. 

O Presidente sinalou que “apostamos decididamente por este modelo de campus: arraigado á terra, conectado coa realidade e á vez punteiro, innovador e aberto ao futuro. Por iso, a nosa colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela é fluída, constante e estratéxica”. Neste sentido, recordou que a maiores da aportación económica “temos proxectos compartidos como a Granxa Experimental de Leite en Gayoso Castro ou a cesión gratuíta dos terreos para a nova Facultade de Formación do Profesorado”.

“A provincia de Lugo necesita un campus forte, dinámico e útil, especialmente nos sectores nos que xa é unha referencia. E precisa tamén dunha universidade pública comprometida co territorio, que ofreza oportunidades reais á mocidade e esta gaiola de drons é un paso máis nesa dirección”, rematou o Presidente.