Deputación de Lugo

Éxito de público nunha showcooking organizada en San Marcos pola Deputación para promocionar o Bonito de Burela

José Tomé Roca
carmela lópez
Showcooking en San Marcos
O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Burela participaron no evento gastronómico no que a institución provincial ofreceu demostracións en directo de recoñecidos chefs da provincia e serviu 300 petiscos para abrir boca cara a celebración da feira, que terá lugar os días 2 e 3 de agosto

José Tomé enmarcou esteevento no apoio da institución de promocionar os produtos locais, “o bonito é un emblema da nosa identidade mariñeira, un exemplo do bo facer das nosas xentes do mar, que traballan con esforzo e responsabilidade para ofrecernos un peixe de altísima calidade, capturado de forma sostible e recoñecido dentro e fóra de Galicia”

“Apoiar o Bonito de Burela é apostar polo futuro da Mariña, dos seus portos, das súas familias e dunha economía que depende do mar pero tamén do valor que nós, como sociedade, lle damos aos seus recursos”, subliñou o mandatario provincial

A Praza de San Marcos acolleu este venres unha showcooking organizada pola Deputación de Lugo para promocionar o bonito de Burela, unha antesala á 39ª edición da Feira do Bonito que se celebrará os vindeiros días 2 e 3 de agosto. O evento gastronómico reuniu a centos de persoas que puideron degustar, en varias elaboracións, este produto estrela da man de recoñecidos chefs da provincia. 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto a Alcaldesa de Burela e Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participaron no evento gastronómico, no que tamén estiveron presentes a presidenta da asociación Ledicia, Rocío Rivera Seara, organizadores da feira, así como representantes da Fundación Expomar, dos Armadores e da Confraría de Pescadores de Burela. Na cita, José Tomé destacou o compromiso da Deputación coa promoción dos produtos locais, subliñando “que apoiar o Bonito de Burela é apostar polo futuro da Mariña, dos seus portos, das súas familias e dunha economía que depende do mar pero tamén do valor que nós, como sociedade, lle damos aos seus recursos”.

Pola súa banda, a rexedora burelá resaltou este tipo de eventos para potenciar a nosa gastronomía e o sector pesqueiro, que forman parte esencial da identidade e da economía local. "Como sabedes, o Bonito, para nós, non é só un produto: é tradición, é parte da historia de Burela, é o noso presente e tamén o noso futuro”. Agredeceu á Alcadesa o apoio da Deputación para promocionar este emblema que representa o sentir dunha vila mariñeira e convidou a achegarse a Burela e á Mariña ese día á Feira do Bonito, pero tamén ao longo de todo o verán “para saborear este manxar que nos identifica, que fala de nós e da nosa maneira de vivir o mar”. 


Como sabedes o Bonito para nós non soamente é un produto senon que é tradición, é a historia de Burela, o presente e o futuro e, por suposto, agradecemento a Deputación por promocionar hoxe aquí o noso produto emblema que serve para ir preparándonos cara a feira, e convidar a quie vos acheguedes non  só o propio día da feira senón durante toda a costeira e todo o verán a Burela e á Mariña para degustar este manxar que nos identifica 

Durante a xornada,tres chefs destacados da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo ofreceron unha demostración culinaria en directo, elaborando pratos innovadores que tiveron como protagonista o bonito de Burela. Os asistentes puideron degustar 300 petiscos que combinaron tradición, innovación e produto de proximidade.


Entre as creacións destacaron o Rock and Rollde bonito picante con pak choi e sésamo de Alejandro Méndez, do restaurante Cachivaches; o bonito curado con aguachile de pementos de Mougán, presentado por Pablo Vila, do Hotel OCA; e o bonito en escabeche con crema de aguacate, kikos e menta fresca, elaborado por Juan Rubiños, do restaurante Farabutto.


“Este evento é unha antesala da Feira do Bonito de Burela, unha cita gastronómica e cultural de referencia que cada ano reúne a milleiros de persoas e que tanto veciños como visitantes non se poden perder”, afirmou o Presidente, quen animou a todas as persoas a achegarse a vindeira fin de semana a Burela “para desfrutar desta celebración que pon en valor o mellor do noso mar”. 

Así mesmo, José Tomé quixo recoñecer o talento dos profesionais da gastronomía lucense que, segundo apuntou, “está nun gran momento grazas a unha nova xeración que aposta polos produtos de proximidade, pola innovación e pola defensa da nosa cultura culinaria. É un sector que crea emprego, xera riqueza e proxecta a imaxe de Lugo con orgullo e calidade”.


Rematou dicindo que dende a Deputación “reafirmamos o noso apoio a iniciativas que poñen en valor os produtos locais e fortalecen os vínculos entre os sectores produtivos, a hostalaría e as institucións, promovendo un modelo de desenvolvemento sostible e respectuoso coa identidade local”, concluíu.


Programa


O programa da XXXIX Feira do Bonito arrancará o sábado, día 2 de agosto, ás 10:30 horas co III Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego e ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. Acto seguido, procederase á lectura do pregón, a cargo do burelés Juan Carlos Enríquez Casas, e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A xornada rematará ás 20:30 horas cos concertos de S.S.R Ledicia, Marcarme, Enol e sesión DJ Pepu.

O domingo, 4 de agosto, ao longo da mañá haberá actividades infantís e, ás 13:30horas, abriranse as portas da carpa para a degustación, que neste caso, estará protagonizada por petiscos de enfariñada de Trabada con bonito e ración de marmitako. 

Paralelamente á celebración da XXXIX Feira do Bonito haberá actividades deportivas complementarias, como o VII Torneo de Fútbol de Veteranos Feira do Bonito, no Campo de Fútbol A Marosa; e o Torneo de Baloncesto 3x3 que acollerá a Praza da Mariña.