A Deputación respalda o Festival Bal y Gay cunha achega de 12.000€ para levar a música clásica á Mariña

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas participou este mércores en Foz na presentación dos 11 concertos que configuran a programación deste ano que contará mañá cunha sesión gratuíta de La Carroza del Real
Carmela López valorou que a institución provincial apoia esta cita “única” polos artistas e os espazos nos que se desenvolve e “que representa o que defendemos: unha cultura accesible, descentralizada, de calidade e con impacto real na vida das persoas”
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este mércores na presentación da XII edición do Festival Bal y Gay, que se celebrará en diferentes escenarios da comarca da Mariña entre o 12 e o 21 de agosto. A institución provincial achega12.000€ para a celebración desta cita de música clásica, que abrirá boca cunha sesión extraordinaria gratuíta mañá, na Praza Conde de Fontao de Foz, a cargo de La Carroza del Real, ás 19:30 horas.
Na presentación, que se desenvolveu no CENIMA focense, tamén participou o Alcalde de Foz e Deputado provincial, Francisco Cajoto Caserío, e o Presidente da Fundación Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeiras, entre outras autoridades que colaboran ou acollen algunhas das actuacións previstas.
Carmela López valorou que a institución provincial apoia esta cita “única” polos artistas e os espazos nos que se desenvolve e “que representa o que defendemos: unha cultura accesible, descentralizada, de calidade e con impacto real na vida das persoas”. E avanzou que “dende a Deputación, imos seguir a traballar para que a Mariña continúe a ser un faro cultural, orgullosa do que é e do que ofrece ao mundo. Porque a cultura é un dereito, e tamén unha forza que nos une, que nos emociona e que nos fai mellores”.
A programación detallada será a seguinte:
• 12 de agosto. Concerto do pianista Denis Kozhukhin ás 20.30 horas, no Castelo de Castro de Ouro (Alfoz).
• 13 de agosto. Concerto da Real Filharmonía de Galicia e o Coro de la Comunidad de Madrid ás 21:00 horas, na Catedral de Mondoñedo.
• 15 de agosto. Concerto da Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias e o Cuarteto Quiroga ás 12:30 e ás 20:30 horas, no auditorio Hernán Naval de Ribadeo.
• 16 de agosto. Concerto do grupo Los Elementos ás 12:30 horas, na Basílica de San Martiño de Foz.
• 16 de agosto. Concerto de Nuria Rial e Los Elementos ás 21:00 horas, na Igrexa mosteiro de San Salvador de Lourenzá.
• 17 de agosto. Concerto da soprano Sara Blanch con Julius Drake ás 20:30 horas, no auditorio de Mondoñedo (Mondoñedo).
• 18 de agosto. Concerto do pianista Marco Mezquida ás 20:30 horas, no Pazo do Conde de Fontao de Foz (Foz).
• 19 de agosto. Concerto da violinista Leticia Moreno ás 20:30 horas, na Fábrica de Sargadelos de Cervo (Cervo).
• 20 de agosto. Concerto do Cuarteto Casals ás 20:30 horas, no Auditorio Casa da Cultura de Burela (Burela).
• 21 de agosto. Concerto do barítono Borja Quiza acompañado de Andrea Rey e Javier Carmena ás 20:30 horas, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (Viveiro).