A Deputación dá un novo paso para construír a residencia de Cervantes adxudicando a redacción do proxecto e a dirección de obra

Esta nova dotación social formará parte da rede de centros de atención a maiores da Deputación e estará situada no núcleo urbano de San Román de Cervantes; nunha parcela de 2.716m2 da rúa Deputación que o Concello cedeu á institución provincial
Pilar García Porto explicou que “a creación e xestión destes centros é unha competencia propia da Xunta, pero ante a súa falta de acción, a Deputación asumiu a
responsabilidade de dar resposta ás necesidades da veciñanza, especialmente no rural”
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres vén de adxudicar por preto de 95.000€ o contrato para a redacción do proxecto e a dirección da obra da residencia que construirá no Concello de Cervantes. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a sesión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos.
Resultou adxudicataria dos dous lotes nos que se divide o contrato a empresa Abante Arquitectura SLP, que terá un prazo de execución de 2 meses no que ten que ver coa redacción do proxecto e de 6 meses para a dirección da obra. “Este novo paso que damos hoxe é fundamental para que Cervantes poida contar nun futuro próximo cun centro de atención a maiores, porque é o trámite previo a que poidamos licitar a construción do edificio que albergará esta dotación”, explicou a Deputada.
O CAM de Cervantes formará parte da rede de centros de atención a maiores da Deputación e estará situado no núcleo urbano de San Román de Cervantes; nunha parcela de 2.716m2 da rúa Deputación que o Concello cedeu á institución provincial.
“A construción desta residencia responde ao compromiso adquirido pola Deputación co Concello de Cervantes; e reafirma a súa aposta polos servizos sociais e por un modelo de atención que pon ás persoas no centro”, valorou García Porto. “A creación e xestión destes centros é unha competencia propia da Xunta de Galicia, pero ante a súa falta de acción, a Deputación asumiu a responsabilidade de dar resposta ás necesidades da veciñanza, especialmente no rural. Porque no rural os servizos públicos son fundamentais para fixar poboación e garantir o benestar das persoas maiores”, concluíu.
A Rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación, conta con nove en funcionamento e outros nove en distintas fases de tramitación ou execución, entre os que se atopa o de Cervantes. Segundo a Deputada, con este proxecto, “a Deputación de Lugo continúa a traballar para garantir a igualdade de oportunidades en toda a provincia, achegando servizos esenciais ao rural e garantindo unha atención digna e de calidade ás persoas maiores”.