Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Ribeira de Piquín inaugura a única gasolineira do municipio grazas a unha achega de 110.000€ da Deputación

Ribeira de Piquín
O Deputado Provincial Miguel Fernández Méndez e o Alcalde Roberto Fernández Rico supervisaron a posta en funcionamento desta dotación situada en Barcia que levaba máis dunha década pechada e que mellorará a calidade de vida neste concello da Montaña

Fernández valorou “un proxecto que xera emprego estable, con dúas novas contratacións a tempo completo, e que se insire nun modelo de xestión pública, impulsado pola Fundación Terreo, que reinviste os beneficios no propio municipio”

Esta instalación, que abrirá ao público todos os días en horario de 7:30 a 13:30 e de 15:00 a 20:00 horas, conta cun edificio de tenda, aseos e almacén de 100 m2 , catro tanques soterrados de 20.000 litros, e un surtidor multiproduto de oito mangueiras

O Deputado de Educación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este sábado en Barcia, xunto ao Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, na inauguración da única gasolineira deste municipio da Montaña. Unha apertura que foi posible grazas a unha achega da institución provincial para o proxecto de 110.000€ e na que participaron numerosos veciños e veciñas do municipio, alcaldes da contorna e unha banda de música tradicional.

Esta instalación, que abrirá ao público todos os días en horario de 7:30 a 13:30 e de 15:00 a 20:00 horas, conta cun edificio de tenda, aseos e almacén de 100 m2 , catro tanques soterrados de 20.000 litros, e un surtidor multiproduto de oito mangueiras. “Un proxecto que xera emprego estable, con dúas novas contratacións a tempo completo, e que se insire nun modelo de xestión pública, impulsado pola Fundación Terreo, que reinviste os beneficios no propio municipio”, valorou Miguel Fernández.

“Desde a Deputación de Lugo quixemos estar ao lado desta iniciativa desde o primeiro momento”, argumentou o Deputado, que engadiu que se trata dun servizo “que mellora a vida diaria da veciñanza e que contribúe á dinamización deste concello”. Destacou que este concello da Montaña levaba máis dunha década sen gasolineira, o que obrigaba á veciñanza a desprazarse a outros concellos para encher o depósito, “algo que condiciona moito a vida cotiá no rural”.

Puxo en valor Fernández Méndez, nado en Ribeira de Piquín, o traballo do Goberno local e loou a súa forma de traballar, en sintonía coa da Deputación de Lugo, “dando resposta a necesidades concretas a través dunha xestión responsable e baseada na colaboración institucional”. Enmarcou esta axuda da Deputación na cooperación cos concellos e nunha liña de traballo enfocada a garantir os servizos básicos, fixar poboación e contribuír ao desenvolvemento económico do rural. Tamén felicitou ao Alcalde polo seu exemplo á hora de facer unha política “útil desde o territorio, para a xente”.

Instalacións e servizos da nova gasolineira da Montaña

Esta estación de subministro de combustible de Barcia-Chao de Pousadoiro está situada na parcela 26 do polígono industrial, con acceso desde a estrada provincial LU-P-5404. Conta cunha superficie total de 1.414m2 nos que se encontra un pequeno edifico de 100m2 dotado con tenda, 2 aseos interiores e outro exterior e un almacén.

Conta con catro tanques soterrados de 20.000 litros de capacidade unitaria e un surtidor multiproduto de 8 mangueiras. Ademais, contará tamén cunha zona de lavado e aspiración de vehículos, con punto de subministro de auga e aire a presión.